Os antecedentes penais levan á prisión a Eusebio Novas, ex xestor de Hiperxel, a pesar dunha condena de seis meses
A Audiencia Provincial de Pontevedra considera que existe «un perigo criminal pola reiterada comisión de delitos» e decreta un prazo de 10 días para o seu ingreso voluntario no Centro Penitenciario de A Lama.
Eusebio Novas Hai, un dos xestores da antiga Hiperxel, entrará en prisión. A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, desestimou o último recurso interposto pola súa defensa.
O empresario foi condenado a seis meses de cárcere por un delito continuado de falsidade en documento mercantil pero, debido aos seus antecedentes penais vixentes por delitos de defraudación tributaria e de estafa «o recurso de apelación debe desestimarse».
O tribunal considera que existe «unha perigosidade criminal pola reiterada comisión de delitos que afectan a bens xurídicos diversos, que indica que o prognóstico de comisión de delitos futuros non poida ser positivo».
«O feito de que o penado condenado (…) teña antecedentes penais vixentes por delitos de defraudación tributaria cometido no ano 2015 e polo que foi condenado en sentenza de data 17 de outubro do 2024 a 9 meses de prisión pendente de cumprimento, e en sentenza de data 24 de febreiro do 2022 por un delito de estafa cometido o 4 de outubro do 2013 á pena de 4 meses e 15 días de prisión igualmente pendentes de cumprimento, así como en sentenza firme do 13 de abril do 2021 por delito de estafa cometido o 3 de maio do 2013 á pena de 2 anos de prisión suspendida polo prazo de 4 anos o 9 de xullo do 2021 son as razóns que se dan na resolución recorrida», sinala o auto dos maxistrados
Deste xeito, o antigo xestor da quebrada Hiperxel terá que ingresar voluntariamente no prazo de 10 días no Centro Penitenciario de A Lama para o cumprimento da pena dos 6 meses de prisión, «baixo apercibimento de que de non facelo procederase á súa busca, detención e inmediato ingreso en prisión sen máis citalo nin oílo»