As contas de Abanca revelan ganancias millonarias de Monbus e problemas en Elcano
A entidade financeira pechou o primeiro trimestre cun balance neutro nas súas participadas, xa que os beneficios de Copo e Monbus compensaron as perdas da navieira.
Flota de autobuses de Monbus / EP
Non cambian as tendencias nas participadas de Abanca, que segue a sacar beneficios de Monbus e Copo, mentres rexistra números vermellos na navieira Elcano. As contas do primeiro trimestre da entidade financeira deixan un balance plano, cun resultado positivo de 15.000 euros, na contribución das catro sociedades participadas que desglosa, e nas que non se inclúen aquelas sobre as que ten control, como Nueva Pescanova, o Deportivo ou o negocio adegueiro e hoteleiro.
O balance limítase, entón, ás mencionadas Monbus, Copo e Elcano, ademais da actividade aseguradora conxunta con Crédit Agricole, que acabou o primeiro trimestre de 2026 con 41.000 euros en perdas. A maior achega do trimestre veu do grupo de Raúl López, a maior empresa galega de transporte de viaxeiros. Transmonbus, que é o holding de cabeceira do grupo, pecha o primeiro trimestre cunha achega aos resultados de Abanca de algo máis dun millón de euros. O banco de Juan Carlos Escotet ten unha participación do 33%, aínda que podería non ser por moito tempo. El Economista adiantou que a entidade estaba a negociar unha posible saída da compañía de transporte coa venda desa participación.
Outra empresa cunha achega positiva é Copo, a auxiliar da automoción e proveedora de Stellantis. O balance de Abanca, que controla o 35,6% do capital, recolle unha contribución aos beneficios de 591.000 euros.
As perdas de Elcano
A navieira Elcano, controlada polo grupo Nosa Terra XXI, da familia Silveira, segue na senda negativa dos últimos anos. A compañía contribúe a este primeiro trimestre cun resultado negativo de 1,4 millóns. Abanca ten o 20,3% do capital. O grupo presentou números vermellos en 2024, con perdas de 15,3 millóns, que se sumaron aos 35 millóns do exercicio anterior.
O peso no balance do banco destes negocios é reducido, moi lonxe do que tiña a antiga corporación industrial das caixas, que foi pouco a pouco desfacéndose a base de desinversións. Abanca pechou o primeiro trimestre con uns beneficios de 207 millóns, cunha rendibilidade ROTE do 13,2%.