As herdeiras de Amador de Castro gañan cinco millóns coa construtora Abeconsa como gran motor de ingresos.
A principal sociedade holding tras Figrupo, o conglomerado dos herdeiros do empresario coruñés finado en 2024, abandonou no pasado exercicio os números vermello mentres que a construtora elevou a súa facturación un 80%.

Presentación de la Fundación Amador de Castro – SOMOS COMUNIKA
Volta a beneficios para o conglomerado industrial da familia de Amador de Castro, histórico empresario coruñés falecido o pasado ano ao piques de cumprir 77 anos de idade. Cunha extensa traxectoria empresarial que o levou, nos seus inicios, a recalar en Astano e Inditex, fixo fortuna xunto a Epifanio Campo coa posta en marcha do negocio das ITV en Galicia. Trala súa frutuosa venda a Applus, os investimentos do executivo continuaron a través de Figrupo, do que colgan distintas sociedades que van desde a construción, ás actividades náuticas, o coidado de maiores ou as adegas. Con un discreto imperio xestionado na actualidade polas súas fillas e herdeiras, o seu principal vehículo holding, Logística Integral e Servizos, pechou o ano 2024 de volta ao negro. Tras os números vermellos de preto de 600.000 euros anotados en 2023, logrou un beneficio neto de 5,6 millóns de euros. A cifra de negocios da citada sociedade incrementouse un 17% ata os 62 millóns, aínda que a páxina web de Figrupo indica que os ingresos de todas as súas participadas alcanzarían xa os 70 millóns.
Con uns activos de 184,3 millóns e un patrimonio neto de 125 millóns, as contas de Logística Integral e Servizos consultadas por Economía Digital Galicia a través da plataforma Insight View, revelan que a compañía holding finalizou 2024 cun resultado de explotación, o propio da súa actividade, que pasou de 104.000 a 872.000 euros. O incremento das ganancias netas radica non só no crecemento de dobre díxito das vendas, senón en uns ingresos financeiros procedentes das súas participadas e de distintos instrumentos financeiros de 2,1 millóns. Ademais, os gastos financeiros da compañía tamén se reduciron nun 31%.
Perspectivas de crecemento
A familia De Castro ten en mente continuar crecendo. Indícao no informe de xestión que acompaña o balance consolidado de Logística, no que se expón que esperan “incrementar a cifra de negocio ao longo de 2025, en liña coa senda de crecemento que manteñen as empresas do grupo e o subsecuente reparto de dividendos”.
Segundo os datos do Rexistro Mercantil, a citada sociedade estivo presidida ata 2020 por Amador de Castro, data na que a súa filla Marta de Castro Torre o sucedeu na presidencia. As irmás desta, Susana e Branca, figuran como vocais do consello de administración.
Participadas
De Figrupo colgan de forma directa até oito empresas, sendo a xoia da coroa a construtora Abeconsa, fundada na Coruña a finais da década dos oitenta e que aporta máis da metade da facturación de todo o grupo. No terreo inmobiliario tamén destaca AMMA Promoción, especializada na venda de vivenda nova e que traspasou activos na Coruña, Santiago, Vigo e Ferrol.
Con un portfolio diversificado, tamén é dependente directa do negocio de Figrupo Desguaces Armonía e Figrupo Marinas, que explota os portos deportivos Marina Coruña e Marina Viveiro, ademais dun varadoiro na cidade herculina. Gráficas Salnés, dedicada ao deseño e fabricación de packaging; Raiola Residencial, de residencias para maiores; e Zero Housing, de construcións sostibles.
En 2023 o grupo constituíu Bodegas e Viñedos Deamador, un proxecto que rende homenaxe ao seu fundador e que está destinado “á produción de viños de denominación de orixe Rías Baixas de alta calidade en dúas fincas de O Salnés”.
Á marxe destes negocios, o pasado ano, segundo figura na súa memoria, Figrupo constituíu outra nova sociedade inmobiliaria, Artabria Homes, xunto á compañía coruñesa GSC Holding.
Abeconsa, 50 millóns en ingresos
En calquera caso, o gran motor de ingresos do conglomerado empresarial está na construtora Abeconsa. A mesma, segundo a información consultada por este medio, finalizou o exercicio 2024 disparando a súa cifra de negocio case un 80%, dos 27,6 aos 49,5 millóns de euros e elevando o seu resultado meto un 36% ata rozar os 800.000 euros.
Presidida por Rodrigo Fernández de Castro, dos case 50 millóns facturados pola compañía en 2024, o 88% procede de contratos do sector privado mentres que un 12% son encargos de administracións ou empresas públicas. Dentro dos contratos con entidades privadas, por valor de 43,4 millóns, máis de 30 millóns de euros proceden de promocións en Madrid, sendo o resto, 13 millóns en territorio galego.
Por outro lado, máis de 5,6 millóns de euros proceden de negocios de construción nos que actúa con outros socios baixo a fórmula de UTE.
A previsión é que o negocio siga crecendo, tendo en conta que a principios de 2025 contaba con contratos en curso por valor de 36 millóns de euros e outros pendentes de execución por valor de 22,5 millóns.