Así reflotou SAIC a histórica MG: da quebra a reinventarse co coche eléctrico
Tras integrarse en Rover Group e posteriormente en BMW, a marca formou parte de MG Rover Group ata a súa quebra en 2005. Ese mesmo ano foi adquirida por Nanjing Automobile e, desde 2007, pertence ao xigante chinés SAIC Motor, que impulsou a súa expansión internacional e a súa aposta pola mobilidade eléctrica.
A chegada de SAIC Motor a Ferrol supón un novo capítulo na estratexia de expansión internacional do xigante automobilístico chinés, propietario da histórica marca MG desde 2007. A posible implantación industrial do grupo en Galicia chega nun momento de forte expansión internacional para SAIC Motor, compañía que en apenas dúas décadas pasou de ser un actor principalmente centrado no mercado chinés a converterse nun dos maiores fabricantes de automóbiles do mundo. Parte dese crecemento estivo ligado á recuperación e transformación de MG, unha histórica marca británica que logrou reinventarse baixo o paraugas do xigante asiático ata converterse en un dos nomes con maior proxección dentro do mercado dos vehículos eléctricos.
Os orixes da marca remontan ao 1924 cando comezou a operar como unha división de coches deportivos de Morris Garages, compañía propiedade do magnate William Morris. O xerente da compañía, Cecil Kimber, comezou a alixeirar os chasis e mellorar os seus motores para que puidesen competir en carreiras locais. O primeiro modelo da serie foi o MG 14/28, modelo que chegaba a acadar unha velocidade máxima de 105 quilómetros por hora.
A consolidación de MG como referente mundial no segmento dos roadsters, automóbiles biplaza descapotables, chegou na década dos 50 e os 60 con modelos emblemáticos como o MGA, equipado cun motor de 1.498 centímetros cúbicos do que chegaron a venderse máis de 100.000 unidades nos seus sete anos de vida.
Outro dos vehículos que marcou un fito importante foi o MG EX181, tamén coñecido como Roarin Raindrop, co que a firma bateu en 1957 o récord de velocidade da man do piloto de Fórmula 1 Sir Stirling tras acadar os 395 quilómetros por hora nas chairas de Bonneville. Dous anos máis tarde este modelo volveu superar a súa propia marca cando outro piloto de F1, Phil Hill, superou os 410 quilómetros por hora.
Cinco anos máis tarde lanzaría ao mercado o MGB, un dos deportivos británicos de maior éxito que permaneceu en produción durante varias décadas cuxas vendas chegaron a superar as 500.000 unidades.
Cambio de mans de MG
Nos anos seguintes MG pasou a formar parte do conglomerado British Motor Corporation (BMC), un dos maiores conglomerados automobilísticos do Reino Unido que, tras a integración doutras emblemáticas marcas como Austin, Morris, Jaguar ou Rover pasaría a denominarse British Leyland Motor Corporation.
A década de 1970 estivo marcada por unha profunda crise na industria automobilística británica. Factores como a crecente competencia internacional ou os conflitos laborais afectaron a numerosos fabricantes do país, e MG non foi unha excepción. Aínda que a marca logrou manter a produción dos seus modelos deportivos e conservar parte do seu prestixio, foi perdendo a forza que a convertera nun referente durante as décadas anteriores. Este proceso culminou a comezos dos anos oitenta cun dos acontecementos máis significativos da súa historia: o cesamento da produción do lexendario MGB.
Ao comezo dos noventa, en mans de Rover Group, a marca experimentou un período de revitalización con modelos como o MG F, o primeiro deportivo da firma totalmente novo desde 1962. “A expectación ante o seu lanzamento foi enorme. Era innovador: tiña un motor central e suspensión de gas. E á xente encantoulle: rapidamente converteuse nun éxito de vendas en gran parte do mundo”, explican desde a compañía na súa páxina web.
En 1994 BMW fixo con o control de Rover Group nunha operación que alcanzou os 800 millóns de libras e que pretendía fortalecer a presenza da casa alemá en diferentes segmentos do mercado e ampliar a súa carteira de marcas. Seis anos máis tarde BMW decidiu desprenderse de gran parte do grupo británico que remataría por ser adquirido por un grupo de investidores que creou MG Rover Group. A pesar dos esforzos, a compañía continuou enfrontándose a importantes dificultades financeiras que a levarían a declararse en quebra en 2005.
Chegada de SAIC Motor
Tras superar a oferta de SAIC, o fabricante chinés Nanjing Automotive adquiriu MG Rover así como a filial de produción de motores Powertrain. O novo propietario anunciou un ambicioso plan para relanzar a marca tanto no mercado asiático como no europeo. Dous anos despois SAIC culminaría o seu propósito absorbendo a Nanjing Automotive nunha operación que alcanzou os 2.095 millóns de yuanes, case 270 millóns de euros ao cambio. MG pasou entón a estar baixo a batuta do xigante chinés iniciando unha etapa na que abandonou a súa dependencia exclusiva dos deportivos e ampliou a súa oferta cara a segmentos con máis demanda como os SUV, os vehículos híbridos e os eléctricos.
Na mobilidade sostible é un dos puntos nos que a firma conseguiu diferenciarse ofrecendo versións cun alto nivel de equipamento pero a prezos máis asequibles que outras marcas do sector.
O desenvolvemento da tecnoloxía eléctrica foi unha das grandes apostas de SAIC na última década chegando a destinar máis de 18.500 millóns de dólares, case 16.000 millóns de euros ao cambio, ao I+D nesta área. “Este ambicioso esforzo deu como froito a obtención de máis de 26.000 patentes válidas e o desenvolvemento dos “Sete Pilares Técnicos Principais”, unha base tecnolóxica que consolida a lideranza de SAIC Motor na transformación da mobilidade. A versión 3.0 destes piares impulsa avances decisivos en áreas como sistemas de propulsión eficientes, baterías de estado sólido, arquitectura de software Full-Stack, novas arquitecturas electrónicas e condución autónoma”, explicaba en xuño do ano pasado a compañía.
O impulso destas tecnoloxías levou a MG a acadar unha posición destacada no sector chegando a situar a comezos deste ano un dos seus modelos, o MG4, como o segundo modelo eléctrico máis vendido en China.
Os plans de SAIC en Galicia
A Xunta oficializou este luns o desembarco de SAIC na comunidade e declarou a iniciativa do grupo como un Proxecto Industrial Estratéxico. Tras a reunión semanal do Consello, o presidente do Executivo galego e a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, explicaron os detalles do proxecto, que creará arredor de 2.300 empregos na comunidade.
As previsións da compañía son que a planta, que requerirá un investimento inicial de 200 millóns, estea operativa en 2028. O proxecto repartirase entre Ferrol, no porto exterior e a zona loxística de Mandiá, e As Pontes. O obxectivo de produción nesta fase é de 120.000 vehículos ao ano, co seu arranque en dous anos.
O próximo ano será o de inicio das obras. En Ferrol crearase mil empregos directos, e outros tantos indirectos, mentres que en As Pontes serán 300 os novos postos de traballo.