Como transforma o ‘efecto Inditex’ os barrios da Coruña, segundo unha tese doutoral da UDC

A socióloga Julia Nogueira Domínguez defende na tese 'A influencia de Inditex nas transformacións da estrutura produtiva, social e urbana da Coruña' o papel "protagonista" da multinacional no proceso de xentrificación urbana e comercial que se está a producir na cidade.

Vista aérea de la ciudad de A Coruña. EFE/Cabalar

Vista aérea de la ciudad de A Coruña. EFE/Cabalar

“Inditex ten un papel protagonista no proceso de xentrificación urbana e comercial que se está producindo na Coruña”. É unha das hipóteses da tese doutoral A influencia de Inditex nas transformacións da estrutura produtiva, social e urbana da Coruña da socióloga Julia Nogueira Domínguez defendida no 2024 na UDC. Segundo explica “a división social do espazo continúa vixente na década de 2020, e está moi marcada pola presenza dos fundadores e altos executivos de Inditex na cidade, concentrados no distrito postal 15001 da Coruña e que resulta ser, grazas ás súas rendas patrimoniais, o segundo barrio máis rico do Estado español”.

Nogueira considera aceptada a hipótese e sinala as “facilidades” que teñen as persoas traballadoras na sede de Arteixo para adquirir vivendas, “algo que podería estar afectando aos prezos, sobre todo, de aluguer”. “O traballador ou traballadora de Inditex convértese, por tanto, na figura a perseguir polo arrendador de vivendas, xa que pode asumir un aluguer maior, grazas ao seu elevado poder adquisitivo”.

O estudo explica o “fallido” modelo de reurbanización do barrio do Orzán, onde os locais de hostalería seguiron funcionando mentres os pequenos comercios terminaron por pechar as súas portas, do Papagayo, onde non chegaron a venderse a maioría das vivendas dirixidas a poboación de alto poder adquisitivo.

“A oferta de aluguer do Papagayo dirixiuse, naquel momento, a persoas traballadoras pudientes que, ou ben chegaban migradas desde outros lugares do mundo ou outras provincias españolas, ou ben eran autóctonas e buscaban establecer unha residencia na cidade. Estas serían, frecuentemente, persoas traballadoras de Inditex”.

A tese sinala que o prezo non é a única limitación de acceso a ter en conta; habería que sumar outros aspectos, como as fianzas ou seguros, que “dada a precarización do emprego, xera un nivel de inestabilidade habitacional inasumible para boa parte da poboación”. É por iso que a investigadora considera que as persoas traballadoras de Inditex convértense en “activos ideais” para garantir seguridade no cobro das rendas.

“Segundo os expertos consultados, a influencia de Inditex e o seu poder simbólico é unha realidade que afecta ao mercado da vivenda na Coruña. Así, inquilinos e inquilinas asalariadas de Inditex convértense nun obxecto de desexo para o arrendador, que imaxina un horizonte de estabilidade e de seguridade no pago mensual”, sinala.

Remodelación da cidade

Tamén fai fincapé na remodelación de algunhas zonas da cidade e na mudanza nos seus usos comerciais aos que tamén atribúe a influencia do xigante téxtil. Un exemplo diso, segundo se explica na tese, na Praza de Lugo onde “a remodelación do mercado de abastos provocou a transformación da actividade comercial de toda a zona, coa instalación de tendas de todas as marcas da empresa nos seus arredores”.

A ubicación das tendas da compañía nos baixos do mercado, “influíu no traslado de establecementos comerciais asociados ao luxo ao seu arredor, desabastecendo destes a outras zonas dedicadas historicamente ao comercio”.

Segundo detalla a socióloga, o establecemento das vivendas principais dos donos e altos cargos de Inditex nunha das zonas máis privilexiadas da cidade “non cristalizou nun proceso de xentrificación da Cidade Vella”, aínda que si que fai que “a franxa que ocupa o paseo do Parrote, xa de por si privilexiada pola súa situación, se constitúa como o centro do poder simbólico da cidade”.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta