A crise da vivenda en Galicia: hai oito pisos turísticos por cada un en aluguer
Galicia ten rexistradas un total de 27.978 vivendas turísticas e unha oferta de 3.270 casas e pisos para aluguer convencional.
Imaxe de arquivo dunha parella de turistas / EFE
Os pisos turísticos continúan coa súa expansión en Galicia. Os últimos datos do Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia revelan que a comunidade conta actualmente cun total de 27.978 vivendas turísticas e de uso turístico.
Casi a metade delas (13.009) sitúanse en Pontevedra, que é a provincia con maior número seguida de A Coruña (9.698), Lugo (4.174) e Ourense (1.097).
Galicia sumou case un milleiro de vivendas de uso turístico nos últimos 12 meses e o seu número xa case iguala ao das habitacións de hotel na comunidade. E é que os 955 establecementos hoteleiros galegos contan cun total de 31.624 habitacións que suman unha capacidade conxunta de 59.238 prazas.
No caso das vivendas de uso turístico, o número de habitacións ascende a 77.324 e contan con potencial para albergar un total de 152.808 persoas, superando así á oferta hoteleira nun 157,6%.
A voltas cos alugueres
Pero ademais de gañar este particular pulso ante os hoteis, as vivendas vacacionais abren unha fenda aínda maior respecto aos pisos en aluguer. Non en balde, na actualidade ofértanse un total de 3.270 casas e pisos para arrendamento, segundo os datos do portal Idealista. Deste xeito, a comunidade suma unha vivenda deste tipo por cada 8,56 dedicadas ao aluguer vacacional.
A Coruña, con 1.521, acapara case a metade, mentres que en Pontevedra a cifra redúcese ata os 1.034. A máis distancia sitúanse Lugo e Ourense, onde a oferta de vivendas en aluguer cae ata as 442 e as 273 unidades, respectivamente.
Precisamente Ourense é a segunda capital de provincia española con prezos máis baixos. Segundo o último informe mensual de Idealista correspondente a abril, estes roldan os 8 euros o metro cadrado, rozando así os 7,9 euros de Zamora, que lidera esta clasificación. Madrid (23,3 euros o metro cadrado), Barcelona (22 euros) e Palma de Mallorca (19,1 euros) ocupan os tres postos de cabeza.
O documento tamén revela que os prezos do aluguer moderaron a súa subida ata o 5,2% interanual no conxunto de España e que cidades como Barcelona ou Tarragona rexistraron descensos do 7,6% e o 0,4% respectivamente. Pola súa banda, Girona (0,3%), Ávila (0,7%), A Coruña (1,9%), Lugo (1,9%) e Vitoria (2%) protagonizan as subidas menos pronunciadas do último ano.
No lado contrario atópase Pontevedra, cun rebote do 14%, seguido das subidas de Ciudad Real (13,4%), Toledo (12,1%) e Huelva (10,8%), Zamora e Oviedo (10,7% en ambos os casos).