EiDF nomea presidente a un conselleiro de Santander Investment en plena OPA de Greening
O conselleiro Enrique Pérez-Hernández Ruiz-Falcó dá o salto á presidencia de EiDF tras a dimisión de Eduard Romeu por "discrepancias" coa OPA da andaluza Greening.
Sede de EIDF en Barro (Pontevedra)
EiDF reconfigura a súa cúspide tras a dimisión do seu presidente, Eduard Romeu, por “discrepancias” ante a oferta pública de adquisición (OPA) de Greening.
A través dun comunicado remitido ao BME Growth, a firma de orixe galega anunciou que o seu consello de administración acordou na súa reunión do pasado 15 de abril o nomeamento de Enrique Pérez-Hernández Ruiz-Falcó como novo presidente da entidade.
Pérez-Hernández xa formaba parte do consello de administración da compañía desde o ano 2022 e agora dá un paso adiante para tomar as rendas da sociedade.
Licenciado en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid e máster en Institucións Internacionais pola Universidade de Xenebra, Pérez-Hernández foi subdirector xeral de Banco Hispanoamericano, director xeral adxunto de Banco Santander, presidente de Eurocofin ou Greentech Energy e conselleiro delegado de China Europe Investment Consulting.
No pasado tamén foi vicepresidente de Primafrío e conselleiro de firmas como Marina D’Or, Endesa Italia, Cesce ou Hispafactor. Na actualidade, Enrique Pérez-Hernández Ruiz-Falcó compaxina o seu labor en EiDF coa súa presenza como conselleiro de Sodali e Santander Investment e co seu traballo como profesor do Instituto de Estudios Bursátiles (IEB).
Enrique Pérez-Hernández presidirá a comisión de auditoría, que terá como vogais a Joan Gelonch e Susana Olcina, mentres que Carmen Costas exercerá de secretaria non conselleira. Esta composición é idéntica á da comisión de retribucións e nomeamentos.
Viraxe en EiDF
EiDF reconfigura, deste xeito, parte da súa cúspide tras a viraxe sufrida nas últimas semanas. E é que a firma ratificou en marzo o cesamento de Guillem Junyent como director comercial, así como de María José Herbón como directora corporativa. A compañía fundada por Fernando Romero enmarcaba estas decisións «dentro do proceso de integración con Greening Group» e avanzaba que Carlos Ramos (ata agora director territorial) asumiría a dirección comercial e Joan Gelonch a dirección corporativa.
Tras aprobar eses puntos da orde do día, o que fora vicepresidente económico do Fútbol Club Barcelona e cerebro das palancas do club con Joan Laporta, Eduard Romeu, presentou a súa dimisión tras ano e medio á fronte da compañía ao entender que non podía “respalda-lo proceso de oferta de adquisición ao que actualmente está sometida a sociedade”. «Entendo e respeto que poidan existir distintos enfoques estratéxicos nun momento tan relevante para o futuro da compañía. Non obstante, cando as discrepancias afectan a cuestións de goberno, transparencia e orientación estratéxica nun proceso desta transcendencia, estimo que o máis responsable é dar un paso ao lado para non interferir nin xerar friccións adicionais nunha etapa que esixe cohesión”, subliñaba.
A súa baixa sumábase á de Tiago Moreira, vicepresidente da compañía e representante do seu accionista Laurion, e á da conselleira Laura Zendrera.