Os enxeñeiros de telecomunicacións de Galicia premian a Miguel Santos, director de Tecnoloxía de MasOrange
O Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) entrega a súa máxima distinción ao galego Miguel Santos, polo seu papel clave na transformación, integración e expansión das infraestruturas e servizos de conectividade en España.
Miguel Santos, director de Tecnoloxía de MasOrange, ‘Enxeñeiro do ano’ 2026
Miguel Santos Fernández (Betanzos, A Coruña), director de Tecnoloxía (CTO) de MasOrange foi elixido galardoado coa máxima distinción do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG). O directivo foi escollido como Enxeñeiro do ano 2026 para recoñecer o labor e a traxectoria profesional nesta rama. O premio entregouse durante a Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información que se celebrou a noite do venres na Coruña.
O xurado, composto por profesionais do sector, valorou a “brillante traxectoria profesional no ámbito das telecomunicacións” e reivindicou “o orgullo de recoñecer nun compañeiro de profesión a quen soubo levar tan lonxe os valores da Enxeñería”. Tamén destacou ao CTO de MasOrange “polo seu papel clave liderando a transformación, integración e expansión das infraestruturas e servizos de conectividade en España” e o seu impulso á innovación e o desenvolvemento tecnolóxico, especialmente no campo das redes de nova xeración e os sistemas nativos en cloud.
Desde abril de 2024 Miguel Santos é o máximo responsable de Tecnoloxía de MasOrange, o grupo no que está integrada a galega R. Como líder da área tecnolóxica encabeza as unidades de Rede, Sistemas, Data, Operacións e Ciberseguridade, forma parte do comité executivo da compañía e xestiona un equipo de arredor de 1.300 persoas.
Vínculo permanente con Galicia
Na súa intervención tras recibir o premio, Santos definiuse, por riba de todo, como enxeñeiro e como galego; e destacou a importancia dos seus equipos ao longo da súa traxectoria profesional: “Considerome afortunado porque, sen dúbida, contei e conto con verdadeiros equipazos que están detrás -e diante- deste premio. Sen a súa profesionalidade tería sido imposible percorrer o camiño”.
Tamén fixo referencia ao seu vínculo permanente con Galicia, sobre todo colaborando ou traballando directamente con R e as marcas do norte nos grupos MasMovil, primeiro, e MasOrange, na actualidade. “Foron anos intensos e creo que mereceu moitísimo a pena”, asegurou. “Mirando cara adiante, o futuro promete cando formas parte de MasOrange, o maior operador de telecomunicacións de España por número de clientes (…) En España xa cubrimos con 5G a máis do 93% da poboación e conectamos 5.200 municipios. Moitos deles, por certo, están a conseguir superar así a fenda dixital e dispoñer das telecomunicacións máis avanzadas, ao nivel das grandes cidades”.
Para Santos as claves do éxito radican, por unha banda, en manter vivo o espírito de start-up innovando día a día, cun modelo de negocio escalable; e, por outra, en permanecer sempre co foco no cliente: “Porque no centro de todo seguen estando as persoas e as telecomunicacións deben poñerse ao seu servizo”.
En 2023 Miguel Santos foi tamén elixido CTO Awards of the Year (CTO do ano) pola revista internacional de referencia Mobile Europe, en recoñecemento á innovación no seu traballo, sempre aliñada coa estratexia e o negocio. O equipo de Santos logrou entón integrar máis de nove marcas coas súas respectivas redes e sistemas e xestionar acordos con máis de cinco operadores diferentes.
30 anos da gala das telecomunicacións
O enxeñeiro galego recibe o galardón de Enxeñeiro do ano 2026 do COETG cando se cumpren 30 edicións da primeira ‘Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información’, desta vez baixo o lema “Defensa invisible” para destacar o papel esencial -e moitas veces descoñecido- que desempeñan as telecomunicacións na defensa e seguridade dun país.
En 2006 o primeiro director de R, Arturo Dopico, obtivo tamén esta distinción singular do COETG; e en 2024 o galardoado foi Alfredo Ramos, actual director de MasOrange en Galicia e de R, marca de referencia do grupo na comunidade.