Ignacio Elola, expresidente da patronal láctea, deixa Lactalis tras 15 anos no grupo
Conselleiro delegado de Lactalis Iberia entre 2019 e 2024, foi substituído por David Saliot cando asumiu a dirección comercial global da multinacional francesa hai dous anos.
Ignacio Elola durante a súa etapa como CEO de Lactalis Iberia / Lactalis
Ignacio Elola anunciou nas redes sociais a súa saída de Lactalis, o maior operador lácteo en España en canto a negocio e volume de recollida, no que ocupou postos de alta responsabilidade durante 15 anos. “Agradecido polo camiño, orgulloso do impacto, hoxe pecho o meu capítulo en Grupo Lactalis. Despois dunha viaxe intensa e incrible enriquecedora, chegou o momento de marchar”, escribiu o executivo na súa conta de Linkedin.
Licenciado en Empresariais por Esade e Máster en Dirección de Empresas outorgado na mesma institución, o executivo foi conselleiro delegado de Lactalis Iberia, a división que controla as plantas de Vilalba e Nadela, e foi presidente da patronal láctea Fenil. Deixou ambos os postos para asumir a dirección comercial global da multinacional francesa, que facturou 31.200 millóns en 2025 e xerou uns beneficios de 528 millóns. A compañía comercializa marcas como Puleva, Ram, El Ventero, Gran Capitán ou Flor de Esgueva. En España mantén unha alianza con Nestlé, grupo no que tamén traballou Elola, para a comercialización de iogures e sobremesas lácteas.
“Dentro da empresa, tiven a sorte de colaborar con equipos extremadamente talentosos, comprometidos e apaixonados de todo o mundo. O nivel de experiencia, a mentalidade emprendedora e a dedicación que presenciei cada día son realmente notables; e, na miña opinión, unha das maiores fortalezas do Grupo Lactalis”, sinala o directivo, que tamén foi presidente da interprofesional láctea Inlac.
Elola amosa o seu agradecemento á familia Besnier, propietaria de Lactalis, cuxo desembarco en España partiu da adquisición dunha queixería en Vilalba nos anos oitenta. “A súa visión a longo prazo, o seu sentido da ambición e o seu compromiso inquebrantable coa construción e desenvolvemento do grupo ao longo do tempo crean un entorno único”, dixo, sen desvelar cal será o seu próximo destino profesional.