García Maceiras delega: os financeiros de Inditex asumen dúas das catro presentacións ante analistas do ano
O conselleiro delegado de Inditex presentará os resultados semestrais e anuais para "centrarse en aspectos estratéxicos da compañía", mentres que no primeiro e terceiro trimestre participarán só o director financeiro e o director de Relacións cos Investidores.
Óscar García Maceiras, conselleiro delegado de Inditex / Instituto da Empresa Familiar
Óscar García Maceiras non compareceu ante os analistas este mércores, na presentación de resultados do primeiro trimestre de Inditex, que obtivo 1.375 millóns de beneficio, un 5,4% máis, nos tres primeiros meses do exercicio. O conselleiro delegado do grupo de Amancio Ortega delegou responsabilidades. A partir de agora serán o director financeiro da multinacional, Andrés Sánchez Iglesias, e o director de Relacións cos Investidores, Gorka García-Tapia, quen presenten os números do primeiro e do terceiro trimestre de cada curso. García Maceiras encargarase dos resultados semestrais e anuais para centrarse en “aspectos estratéxicos” da compañía.
Gorka García-Tapia acumula 15 anos de traxectoria en Inditex, sempre ligada ao departamento financeiro e á área de riscos. Desde 2025 é o responsable de Relacións cos Investidores, polo que acompañaba ao conselleiro delegado nas presentacións. O mesmo sucede con Andrés Sánchez, antigo director da área fiscal do grupo e actual director financeiro, posto ao que chegou tras o ascenso de Ignacio Fernández a director xeral corporativo.
Resistencia en Oriente Medio
Os directivos de Inditex explicaron que a multinacional está mantendo o tipo ante a inestabilidade provocada polo ataque de Estados Unidos e Israel a Irán. García-Tapia indicou que manteñen abertas as 480 tendas que ten en réxime de franquía en Oriente Medio e seguen crecendo “con solidez” a pesar do conflito. “Temos 480 tendas en réxime de franquía na rexión, todas elas permanecen abertas a día de hoxe. O impacto nos diferentes mercados foi distinto, pero a compañía foi capaz de seguir crecendo con solidez” a nivel global, afirmou na conferencia con analistas.
En relación á expansión en Estados Unidos reiterou que a compañía segue vendo “oportunidades significativas de crecemento, grazas á súa baixa cota de mercado”. “O desempeño do grupo e a nosa evolución depende de nós mesmos e da nosa capacidade para executar o noso modelo”, sinalou.
Contendo os custos
En preguntas dos analistas en relación aos custos das materias primas e, en concreto, do poliéster, García-Tapia descartou un impacto significativo, posto que “o 57% das fibras que utilizamos é de orixe biolóxica” e “a maioría do poliéster empregado é reciclado“. A aposta pola sustentabilidade depara neste caso unha vantaxe competitiva.
Tamén en relación aos custos, o director financeiro de Inditex, Andrés Sánchez Iglesias, destacou “a integración do modelo de negocio” do grupo e “a diversificación do aprovisionamento” como fortalezas, e asegurou que o impacto dos custos de transporte no primeiro trimestre foi “limitado”.