Greenalia pecha unha alianza con Dekra, o xigante alemán das ITV
Greenalia e Dekra anunciaran a sinatura dun acordo marco polo cal a compañía galega subministrará enerxía renovable ás súas estacións para a inspección técnica de vehículos.
Manuel García Pardo, primeiro accionista e CEO de Greenalia
Greenalia e Dekra pechan un acordo macro para “impulsar unha cooperación estratéxica en España e Portugal”. A firma coruñesa emitiu un comunicado para anunciar esta alianza con esta firma centenaria con sede en Alemaña que se consolidou como “a maior organización experta independente non cotizada do mundo no sector dos ensaios, a inspección e a certificación”.
Así será a súa alianza
“O acordo establece un marco de colaboración con foco principal en España e Portugal, tendo como un dos seus eixes o ámbito da inspección técnica de vehículos de Dekra“, destaca a firma. Esta cooperación materializarase mediante acordos de subministro de enerxía renovable (PPAs) para Dekra, “con especial foco no abastecemento de estacións de ITV mediante enerxía de orixe local“.
“Así mesmo, analizaranse posibles colaboracións noutros servizos técnicos de Dekra e eventuais investimentos conxuntos en proxectos industriais con impacto social e medioambiental”, apunta Greenalia, que engade que “todas estas iniciativas estarán orientadas a contribuír á transición enerxética, á mellora da eficiencia operativa e á creación de valor a longo prazo para ambas compañías, así como para os consumidores e as comunidades nas que Dekra e Greenalia desenvolven a súa actividade”.
“Este acordo con Dekra reforza a nosa visión de impulsar a transición enerxética a través de alianzas industriais sólidas, cun forte arraigamento local e un impacto real na economía e na sociedade. Compartimos a mesma ambición por desenvolver proxectos sostibles, eficientes e alineados cos obxectivos enerxéticos dos territorios nos que operamos”, precisou o CEO de Greenalia, Manuel García Pardo.
Por outra banda, o country manager de Dekra en España, Alberto da Silva, reivindica a aposta de Dekra pola sustentabilidade e subliña que “esta colaboración con Greenalia permítenos avanzar no noso compromiso cunha mobilidade máis eficiente e sostible, integrando enerxía renovable de orixe local e reforzando o noso impacto positivo nos mercados de España e Portugal”.