Inditex recupera o trono de líder da moda por beneficios, por enriba de LVMH e Hermès.
Un estudo elaborado por McKinsey e The Business of Fashion sitúa a matriz de Zara como a primeira compañía do sector téxtil por beneficio económico.
O conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras, intervén durante a presentación de resultados de Inditex do 2024. M.Dylan/Europa Press
Inditex, o xigante téxtil de Amancio Ortega, posiciónase como o primeiro grupo de moda do mundo atendendo ao seu beneficio, segundo o estudo The State of Fashion 2026, elaborado por McKinsey e The Business of Fashion. O ranking analiza o beneficio económico das empresas do sector, é dicir, o seu beneficio neto menos os custos de capital.
O grupo presidido por Marta Ortega recuperaría o trono da moda, polo menos para este ranking, sete anos despois e por riba de xigantes do luxo como LVMH ou Hermès.
Recupera o trono oito anos despois
Segundo publica Expansión o estudo é considerado o máis completo que se realiza cada ano sobre a industria téxtil. Segundo o mesmo, a empresa española alcanzaría o pasado exercicio un beneficio económico de 5.544 millóns de dólares, superando desta forma a LVMH, con 5.514 millóns, e a Hermès, con 4.217 millóns.
Inditex xa liderou esta lista en 2017, cando se situou por riba da marca de luxo da familia Arnault e de Nike.
A compañía galega alcanza este posto nun momento complicado para a industria do retail, caracterizada pola desaceleración das vendas e o impacto das medidas arancelarias de Trump.