Indra elixe Vigo como o seu gran centro para a guerra electrónica
O grupo considera Galicia como un territorio clave para o desenvolvemento dos Programas Especiais de Modernización, nos que se lle adxudicaron 13.800 millóns, e sitúa as súas instalacións de Rozas como centro de ensaio para todos os seus produtos aéreos.
Indra presentou na sede de Afundación en Vigo o seu plan de crecemento e atracción de talento en Galicia e anunciou a contratación de 170 persoas este ano.
Indra Group presentou o seu plan de crecemento e atracción do talento en Galicia este venres en Vigo nunha xornada que, ademais de permitir coñecer de primeira man a actividade da compañía, serviu para reafirmar a súa aposta pola comunidade. A confianza de Indra en Galicia ten implicacións prácticas no emprego, pois contratará a 170 persoas este ano, pero tamén carga simbólica. O grupo afianza a súa estrutura en territorio galego porque atopa perfís de alta cualificación para nutrirse e capacidades técnicas e tecnolóxicas para os seus desenvolvementos. Esta mensaxe sobre o potencial e a capacitación de Galicia percorreu todo o evento.
“É impresionante o que se está a facer en Galicia e queremos formar parte desta aventura“, dixo Joaquín Ponz, director de Portfolio e Gobernanza da Innovación. “O talento estranxeiro está a vir a Galicia porque ofrecemos proxectos e calidade de vida. Os telecos, que antes marchaban, agora retornan porque temos proxectos interesantes”, sinalou Margarita Ardao, directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Xunta, que se congratulou da aposta que fixo o Goberno galego por crear un sector que non existía, o aeroespacial, e que uns anos despois, con “mecanismos de financiamento que atraeran empresas tractoras como Indra, Airbus ou Boeing“, é capaz de xerar investimentos e emprego.
O delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades, comparou o aterrizaxe de Indra na cidade coa chegada de Google a Silicon Valley, pola súa capacidade tractora para a innovación tecnolóxica. Porque a presentación da compañía, que congregou a representantes do Concello de Vigo, da Xunta e do Estado, foi tamén unha posta en valor do futuro e o talento dunha economía moderna.
De Vigo a Rozas
O director de Enxeñaría de Indra Group, José Andrés González Para, explicou que destinarán 120 millóns de investimento directo no sector aeroespacial e de defensa no corredor norte, o que implica fábricas, laboratorios, centros tecnolóxicos ou centros de ensaio, entre outros equipamentos. “Estamos a crear estas capacidades”, dixo o directivo. O corredor norte engloba Galicia, así como os centros de Asturias, León, Valladolid e Barcelona. En toda esa área prevén un impacto de 320 millóns de xeración de valor ata 2030. Dos 18 programas asociados aos PEM, nos que Indra se adxudicou 13.800 millóns, 13 desenvolveranse no corredor norte, o que dá unha idea da oportunidade que representa para os territorios situados nesa franxa. Ditos programas inclúen vehículos terrestres (tanques, lanzapontes…), drons, contradrons, simulación, guerra electrónica…
“Queremos que a guerra electrónica lixeira se faga en Vigo. É unha aposta moi importante”, dixo González Para, explicando que esta é unha das actividades principais que desenvolven na cidade olívica, xunto a mando e control. En Lugo, no aeródromo de Rozas, establecerán o seu centro de ensaio de voos, de xeito que todos os produtos aéreos da compañía pasarán por esas instalacións, ao contrario do que sucedía ata agora, onde se probaban só unha parte dos desenvolvementos.
A guerra electrónica
Indra Group conta con 14 centros nas catro provincias galegas, que suman 1.680 profesionais. En Vigo contará co Centro de Excelencia de Aeroespacial e Defensa, que se instalará no VgoTIC global HUB da Zona Franca de Vigo. O centro disporá de 2.390 metros cadrados e acollerá a máis de 200 profesionais altamente cualificados dedicados ao desenvolvemento de tecnoloxías estratéxicas como defensa electrónica, vixilancia, mando e control e sistemas antidrón, consolidando a Vigo como un enclave clave para as capacidades tecnolóxicas avanzadas da compañía.
A guerra electrónica é unha peza clave que a compañía sitúa en Vigo. Fala do dominio do espectro para radares e comunicacións; e da garantía de poder utilizalo con seguridade. “É unha partida de xadrez”, apuntou Javier Basilio Pérez Ramas, director de Enxeñaría de Produto de Defensa e Vixilancia Electrónica de Indra Group, sinalando que se trata de controlar o espectro e negalo ao outro. Tamén apuntou que a gran maquinaria de guerra, como cazas ou fragatas, ten agora un contrarrelato en plataformas de pequeno tamaño e rápido desenvolvemento, con capacidade para evolucionar moi rápido, como os enxames de drons. “Vigo é clave en sistemas de guerra electrónica”, recoñeceu.
Estados Unidos e o nitruro de Galio
Indra é accionista da fábrica de chips baseados en nitruro de galio (GaN) de Sparc, unha tecnoloxía crítica para reforzar a autonomía estratéxica. Son semiconductores compostos que permiten desenvolver dispositivos que traballan a moi alta potencia, temperatura e frecuencia de xeito moi eficiente, e son necesarios para radares, defensa electrónica ou comunicacións de última xeración.
“Se eu quero mercar eses compoñentes só podo ir a Estados Unidos. E alí están sometidos a regulación de exportación, con trámites complexos que requiren tempo. No contexto actual non podes garantir que este subministro non se corte. Sparc é fundamental porque nos vai axudar a diminuír ese risco e imos ser máis autónomos”, explicou Luz Gil Heras, responsable de Intelixencia e Estratexia Tecnolóxica dos Centros de Innovación de Indra.