Actualizado
Lactalis, Capsa, Rio, Reny Picot e Inleit recollen o 55% do leite que produce Galicia en pleno recorte de prezos
Os dous grandes provedores de Mercadona, Entrepinares e Naturleite, alcanzan o 10,8% de xeito conxunto, un volume que só superan Lactalis e Capsa; Unións Agrarias estima que os ingresos dos gandeiros galegos caerán 186 millóns cos novos contratos.
Gandeiros interceptan un camión en Teixeiro (A Coruña) e tiran leite procedente de Portugal – UNIÓNS AGRARIAS
Máis da metade do leite que produce o sector gandeiro de Galicia, o territorio con maior produción láctea de España, é recollido e transformado por cinco grupos empresariais. Lactalis, Capsa, Lence, Reny Picot e Inleit adquiren, aproximadamente, o 53,5%, algo máis de 1,6 millóns de toneladas anuais. Son as cinco compañías con maior cota na comunidade, aínda que só as dúas primeiras superan o 10%. Tras elas hai seis empresas que suman, de maneira conxunta, outro 27,5% da recollida: Entrepinares, Celta, Clun, Naturleite, Aira e Nestlé, todas por encima das 100.000 toneladas anuais.
Dentro da industria, Lactalis é o operador máis importante. A multinacional francesa, con máis de 30.000 millóns de ingresos anuais, recolle, segundo os seus propios datos, unhas 500.000 toneladas de leite en Galicia, aproximadamente a metade do subministro da súa división española. O grupo ten plantas en Vilalba e Nadela e comercializa marcas como Puleva, Ram, El Ventero, Président ou Flor de Esgueva. A súa cota de recollida en territorio galego sitúase aproximadamente no 16,3%, segundo datos recompilados pola Fundación Juana de Vega.
Lactalis e Capsa son as compañías con máis impacto nos ingresos do sector gandeiro, agora en pé de guerra polos recortes na renovación de contratos de abril. O brazo industrial de Central Lechera Asturiana, dono da planta de Larsa, recolle algo máis do 11% do leite das granxas galegas. No último dato que fixo público na súa memoria, correspondente ao ano 2023, obtivo 340.000 toneladas nas explotacións de Galicia. Segundo fontes das organizacións agrarias, Lactalis estaría a ofrecer un prezo base de 38 céntimos por litro e Capsa de 39, que poderían acadar os 45 e 46 céntimos por litro coas primas no mellor dos casos.
Accións contra Lactalis, Inleit e Reny Picot
Lence, a maior compañía láctea galega, dona de Río e Leyma, recolle arredor do 9,5% da produción láctea galega e paga un prezo base de 40 céntimos. Reny Picot é o cuarto grupo por volume de recollida, arredor do 8,5%; e Inleit o quinto, cun 7,2%. Ambos teñen un prezo base tamén de 40 céntimos, cun recorte especialmente acusado no caso da planta de Teixeiro, propiedade da norteamericana Rich Corporation, xa que a baixada para os contratos de abril alcanzou os sete céntimos, mentres que a do produtor asturiano foi de catro céntimos.
A rebaixa de prezos causou gran alarma nas organizacións agrarias. O Sindicato Labrego Galego protestou na planta lucense de Lactalis e denunciou que Reny Picot deixou de recoller a catro granxas de Ribadeo que non aceptaron o recorte nos contratos. Unións Agrarias, pola súa banda, levou a cabo accións contra a entrada de leite foráneo, unha delas vertendo 15.000 litros de produto procedente de Portugal que estaban a ser transportados nunha cisterna á factoría de Inleit.
A influencia de Mercadona
Despois de Liasa, a sociedade que controla a planta de Teixeiro, situaríase Entrepinares, fabricante de queixos para Mercadona con fábrica en Vilalba e un volume de recollida do 7,2% da produción galega, situándose por encima das 200.000 toneladas. Séguelle Celta, cun 5,9%; Clun, cun 4,25%; e Naturleite, cun 3,6%, segundo as estimacións da Fundación Juana de Vega.
Os dous grandes provedores da cadea de Juan Roig, coas súas plantas en Vilalba e Meira, acadarían de maneira conxunta unha cota do 10,8%, só por detrás de Lactalis e Capsa, que tamén comezou a producir para Mercadona desde as instalacións de Larsa en Outeiro de Rei. O principal grupo de supermercados de España ten unha poderosa influencia na fixación de prezos nos lineais, o elo máis alto da cadea de valor, e tamén ten unha relevante penetración industrial polo forte vínculo co queixeiro vallisoletano e a filial de Covap. Fontes do sector recoñecen esta influencia, aínda que non perciben que Mercadona utilice o leite como produto reclamo, unha práctica que contribúe a afundir os prezos.
Aínda sen contar os traballos de Capsa para Hacendado, a cota de recollida de Entrepinares e Naturleite supera a de Celta e Clun (agrupación de cooperativas na que está Feiraco, Melisanto e Os Irmandiños), que selaron unha alianza denominada CoRural cuxo desenvolvemento está por ver. De maneira conxunta acadarían un volume de recollida do 10,2% da produción.
Con cotas de recollida inferiores estarían a cooperativa Aira (3,4%), Nestlé (3,2%), Celega (3,17%), Leite Noso (3,1%), Pascual (2,9%) ou Danone (2,1%).