Lorenzana destaca o potencial de Galicia para atraer a SAIC: “As nosas posibilidades son moi boas”
A conselleira de Economía e Industria destaca o desenvolvemento "absolutamente exclusivo" de Galicia no sector da automoción e considera que a comunidade ten "as mesmas ou máis posibilidades que calquera outro territorio de Europa".
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, no Pleno do Parlamento de Galicia
María Xesús Lorenzana, conselleira de Economía e Industria, mostrouse ante a posible implantación en Galicia da primeira fábrica de coches en Europa do fabricante chinés SAIC Motors: “As nosas posibilidades son moi boas”. Para afirmalo, Lorenzana apóiase no desenvolvemento “absolutamente exclusivo” de Galicia no sector da automoción. Cre que ten “as mesmas ou máis posibilidades que calquera outro territorio de Europa“.
Así o apuntou nunha entrevista concedida á Cadena SER na que non quixo fixar prazos para “non falar por ningunha empresa”. Tampouco quixo valorar cal é a ubicación máis plausible: “Temos tres portos moi interesantes loxísticamente para unha empresa deste nivel”. Considera que todos son “ubicacións boas” e “loxísticamente preparadas”.
Minerais críticos
Lorenzana advertiu ás empresas interesadas no futuro concurso polos dereitos de explotación de minerais críticos que terán que deixar “parte” dos seus beneficios cun plan social que “non pode ser unha esmola”. Deste xeito, pretende que repercuta, “fundamentalmente”, nas persoas novas e maiores do territorio afectado en cada caso.
“A mensaxe para calquera promotor que veña a Galicia é que non veña se non está disposto a deixar parte dos beneficios da mina”, avisou a conselleira. O Goberno galego anunciou hai uns días que nas próximas semanas sacará este concurso, o que lle valeu críticas por parte de entidades ecoloxistas. Preguntada por estas opinións, a responsable autonómica diferenciou entre que saian a concurso as concesións e que “eses proxectos poidan saír adiante”. Unha vez adxudicada a un promotor, este terá que facer unha tramitación ambiental “escrupulosa”, nas súas palabras.
“Falar en Europa de que non existe unha garantía ambiental en cada proxecto —e aquí fago extensible a calquera industria— é absolutamente imposible”, garantiu. Por iso, pediu “tranquilidade” e asegurou que a Xunta “non vai permitir que se explote un dereito mineiro se non é posible”.
Plan social de empresas interesadas
Respecto do plan social que esixirán ás empresas interesadas, Lorenzana avanzou que “será determinante” que estea contemplado no concurso coa intención de que “repercutan” nos territorios afectados “parte” dos 7.000 millóns que a Xunta estima que se poderían chegar a mobilizar con estas explotacións.
Pretende que esta repartición teña en conta os beneficios que obterá o promotor, aínda que os porcentaxes finais variarán en función de factores como a materia explotada: “Non é o mesmo a explotación de ouro que a de cobre, que ten moitas fluctuacións”.
Lorenzana detallou que o plan vinculará unha parte dos beneficios ás persoas que viven alí, “fundamentalmente incidindo na educación das persoas novas e nas persoas maiores”, contemplará —por exemplo— a concesión de bolsas. Tamén terá outra parte destinada ao “desenvolvemento económico doutras actividades distintas da minería desa comarca”.