O maior grupo lácteo galego entra na farmacéutica Anutmed e desembarca na nutrición clínica
Grupo Lence, produtor de marcas como Leite Río ou Leyma, asegura que se trata dunha inversión estratéxica para "construír o referente español en nutrición clínica personalizada".
Carmen Lence, conselleira delegada do Grupo Lence
Lence, o maior grupo lácteo galego, continúa explorando novas fórmulas de negocio máis alá da produción de leite e a comercialización de marcas como Río ou Leyma. A compañía que dirixe Carmen Lence, filla do fundador, entrou en Anutmed Pharma, unha empresa farmacéutica especializada en nutrición e constituída en Madrid a principios do ano pasado. Entre os fundadores da firma está Roberto Conde Penas, que é tamén o seu administrador único. Tesoureiro da Asociación de Médicos Galegos (Asomega), Conde impulsou tamén a sociedade Nutrición Médica, antes de embarcarse no novo proxecto de Anutmed.
Nun comunicado, Lence asegura que aposta pola empresa para “construír o referente español en nutrición clínica personalizada e achegar solucións nutricionais de base científica a miles de pacientes”. Entre as virtudes da alianza destaca a capacidade industrial e financeira do grupo lácteo galego en combinación co portfolio clínico e a experiencia regulatoria e comercial de Anutmed. Na práctica, supón o desembarco de Lence na área da nutrición médica, da man dunha firma fundada por profesionais do sector sanitario.
“Aínda que a traxectoria da compañía é recente, o seu coñecemento do sector apoiase nunha sólida experiencia previa. Ao longo dos anos, o seu equipo identificou de primeira man os retos aos que se enfrontan tanto os profesionais sanitarios como os pacientes, especialmente no que respecta á eficacia, personalización e accesibilidade das solucións de nutrición clínica”, di a compañía.
Produtos funcionais
A alianza entre Grupo Lence e Anutmed Pharma ten como propósito desenvolver e poñer no mercado produtos de nutrición clínica e alimentos funcionais para indicacións como enfermidades metabólicas, disfagia, desnutrición, obesidade, nefropatías ou procesos oncolóxicos, co obxectivo de axudar aos pacientes a mellorar a súa saúde e benestar.
Carmen Lence destacou que a súa compañía leva “cinquenta anos apostando pola alimentación como palanca de saúde, e a nutrición clínica é o seguinte paso natural desa vocación”. “Con Roberto Conde e o seu equipo temos a ambición de construír o referente español do sector”, asegurou.
Por outra banda, Roberto Conde sinalou que “a nutrición clínica só funciona cando ciencia, evidencia e escala industrial traballan xuntas”. “O noso equipo achega vinte anos de coñecemento clínico e regulatorio; Grupo Lence achega a capacidade industrial e financeira para levalo a miles de pacientes. Esa é a combinación que o sector necesitaba en España”, engadiu.