Naturgy nomea novo delegado en Galicia a Gerardo Rodríguez
Naturgy anunciou o nomeamento de Gerardo Rodríguez como novo delegado institucional en Galicia en substitución de Alberto Suárez, que asume a xestión do sistema de distribución de UFD.
Gerardo Rodríguez, novo delegado de Naturgy en Galicia / Naturgy
Naturgy ten novo delegado institucional en Galicia. A compañía anunciou o nomeamento de Gerardo Rodríguez para asumir este cargo en substitución de Alberto Suárez, que desde agora exercerá de director do xestor do sistema de distribución de UFD.
Naturgy enmarca este movemento dentro do “obxectivo de manter e reforzar a colaboración institucional que sempre impulsou nesta comunidade autónoma, onde mantén un histórico compromiso social e económico”.
Para iso, a firma optou por un histórico da compañía. Non en balde, Gerardo Rodríguez asumiu o ano pasado a dirección de Distribución de electricidade na zona noroeste, tras máis de 18 anos de traxectoria profesional no grupo. “Desde 2015, desempeñou posicións xerenciais, principalmente ligadas ás operacións e á xestión institucional no territorio, e tamén foi responsable da rede de alta tensión de Galicia. Ten experiencia en xestión de amplos equipos, tanto de persoal propio como de empresas colaboradoras”, recalca a firma.
“En 2023, foi nomeado delegado de distribución de electricidade en Segovia, Guadalajara-Cuenca, e desde entón intensificáronse as súas tarefas de xestión institucional do negocio de distribución no territorio, que o levaron a construír sólidas relacións coas administracións locais, provinciais e autonómicas”, engade a través dunha nota de prensa.
Gerardo Rodríguez, que é enxeñeiro industrial pola Universidade Europea de Madrid, e conta cun MBA polo IE Business School e o Leadership & Management Certificate de The Wharton School, asume así a delegación de Naturgy nunha Galicia na que asume a condición de primeira utility de gas e electricidade.
Os números de Naturgy en Galicia
“No ámbito da electricidade, UFD dá servizo a preto de 1,6 millóns de puntos de subministración en 286 municipios galegos a través dunha rede de distribución de máis de 60.000 quilómetros. Tamén é o primeiro distribuidor de gas natural en Galicia a través de Nedgia Galicia, que conta cunha rede de distribución de máis de 4.000 quilómetros e máis de 345.000 puntos de subministración en 211 municipios”, recalca a empresa.
Con 205.000 clientes no mercado do gas e máis de 1,2 millóns de clientes no mercado eléctrico, Naturgy manexa unha cota do mercado de arredor do 80% en Galicia e conta cunha capacidade instalada de 1.847 megavatios renovables e un ciclo combinado de 400 megavatios.