Navantia atrae ao xigante alemán Thyssenkrupp para fabricar submarinos
Os estaleiros públicos asinan un memorando co conglomerado alemán TKMS, controlado por Thyssenkrupp, para explorar a produción en España de buques, especialmente submarinos.
Asinatura do memorando de entendemento entre Navantia e TKMS
Os tambores de guerra levaron á mesma trinchera ao xigante alemán Thyssenkrupp e a Navantia, que se posiciona como socio privilexiado para o grupo xermano no desenvolvemento dos seus programas navais. Os estaleiros públicos asinaron un Memorando de Entendemento (MoU) con TKMS, un grupo especializado na produción de buques de guerra e sistemas navais, para explorar colaboracións en proxectos. A idea inicial é que Navantia poida fabricar nos seus centros deseños de submarinos do conglomerado, sen pecharse a outros programas navais.
Tras este acordo “estratéxico” está o incremento “significativo” da demanda de produtos avanzados no actual contexto xeopolítico, o que xera “considerables” cuellos de botella na capacidade dos estaleiros e nos recursos tecnolóxicos en toda Europa. TKMS e Navantia explicaron que pretenden analizar como unha cooperación industrial “máis estreita pode axudar a executar proxectos de xeito máis eficiente, rápido e rendible”.
Tal e como o describen ambas empresas, o acordo en realidade é para iniciar conversas a nivel directivo baseadas na confianza mutua e no pleno cumprimento de todas as normativas en materia de competencia e control de exportacións. E non é pouco en realidade, pois TKMS é un dos principais provedores mundiais de solucións de defensa marítima, incluíndo submarinos convencionais, buques navais e solucións electrónicas innovadoras.
A defensa marítima europea
O presidente executivo de Navantia, Ricardo Domínguez, celebrou que a empresa española está a dar un paso “moi significativo” para reforzar a autonomía estratéxica e a defensa de Europa, aínda que o mesmo comunicado recoñece que no acordo se contemplan programas de fabricación naval tanto europeos, como da OTAN como internacionais. “Nun momento no que os gobernos están a facer grandes investimentos e a demandar produtos avanzados con calidade e prazos esixentes, queremos estar á altura e garantir que a industria pode e sabe responder e cumprir”, dixo Domínguez.
O CEO de TKMS, Oliver Burkhard, tamén destacou que a sinatura deste Memorando de Entendemento é unha “sinal importante” para a defensa marítima europea. “Nun momento no que aumentan os requirimentos de seguridade dos nosos clientes e a capacidade de fabricación é limitada, resulta crucial que as empresas industriais europeas colaboren de forma máis estreita. TKMS e Navantia contan conxuntamente coa experiencia, a infraestrutura e o percorrido necesarios para superar estes retos compartidos e reforzar a capacidade de subministración ás forzas armadas dos nosos países socios”, comentou Burkhard.
Ademais, o vicepresidente do Consello de Supervisión de TKMS e conselleiro delegado de Thyssenkrupp AG, Miguel López, engadiu: “Como accionista maioritario de TKMS, Thyssenkrupp AG asume a responsabilidade da dirección estratéxica dunha das principais compañías navais de Europa. A nosa tarefa é permitir que TKMS responda á crecente demanda internacional de sistemas navais modernos. Unha asociación con Navantia é un enfoque prometedor para conseguilo”.