O clúster galego de renovables celebra o seu 15º aniversario e pide o desbloqueo da eólica como agasallo.
O Clúster de Enerxías Renovables de Galicia conmemorou os seus 15 anos como dinamizador do sector; o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, estivo presente no acto e apostou pola colaboración público-privada para reforzar a aposta polo que definiu como o "ouro negro" da comunidade.
Foto de grupo dos participantes no 15 aniversario de Cluergal / Cluergal
Celebración en Cluergal. O edificio CIS de A Cabana (Ferrol) acolleu o acto polo 15 aniversario do Clúster de Enerxías Renovables de Galicia. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, estivo presente nesta conmemoración na que se puxo en valor a contribución que realizan o sector enerxético á economía galega e na que se reivindicou que o proceso de transición enerxética que se desenvolva sempre desde o máximo respecto medioambiental, o diálogo social e a xeración de riqueza a Galicia.
Neste sentido, Alfonso Rueda defendeu a vía da colaboración público-privada para reforzar a posición de Galicia como referente no desenvolvemento de enerxías renovables. O presidente galego agradeceu “todo o traballo que fixeron ata agora” clústeres como Cluergal, ao que felicitou por uns 15 anos que definiu como “historia do desenvolvemento industrial que nos debería interesar en Galicia”.
Rueda mostrouse “optimista respecto ao futuro do que é o noso ouro negro, o noso petróleo, a nosa necesidade tamén de ter recursos
para poder ser ordenado respecto ao que debería ser”. “Sempre digo que o importante para Galicia non é só facer as máquinas, mantelas, reparalas, deseñalas, a mellor mostra é todo o que se move desde os postos de traballo, o que representan na economía de Galicia e asegurarnos de que a enerxía renovable en Galicia estea para as industrias que necesitan esas enerxías renovables tamén aquí en Galicia”, subliñou.
Ademais, o mandatario autonómico puxo en valor o esforzo dos “profesores -presentes- que contribuíron nunha materia tan descoñecida como esta, polo menos en Galicia, pero con tantísimo futuro. E agora temos a profesionais formados en Galicia, traballando en enerxías renovables, e sobre todo, que contribuíron durante estes anos este desenvolvemento espectacular, das enerxías renovables en Galicia”.
Unir forzas polas enerxías renovables
Na mesma liña, José Ramón Franco, presidente de Cluergal, subscribiu as palabras de Alfonso Rueda e reivindicou “unha vez máis a necesidade de seguir desenvolvendo a enerxía eólica en Galicia, tanto a través da implantación de novos parques como da repotenciación dos existentes e sempre tendo en consideración, a protección e conservación do medio ambiente, os intereses xerais, particulares e a repercusión de valor engadido na comunidade e nas empresas galegas que aportan valor, desde o proxecto ata o desmantelamento unha vez se acaba a súa vida útil, pasando polo mantemento e os procesos de repotenciación”.

Imaxe da intervención de José Ramón Franco, presidente de Cluergal, no 15 aniversario da institución
Sobre este punto, o presidente de Cluergal lembrou os 35 anos do “desenvolvemento da enerxía eólica en Galicia e que ademais foi
determinante no desenvolvemento global desta tecnoloxía de produción enerxética” e puxo en valor que “as empresas galegas, nas
diferentes tecnoloxías de xeración, son continuamente recoñecidas en España e internacionalmente pola calidade dos seus servizos e os seus produtos, o que nos fai sentirnos orgullosos, da cadea de valor xerada ao longo destes anos”.
Pola súa parte, o primeiro secretario de Cluergal, Nonito Aneiros, rememorou os orixes deste clúster. “O día 24 de novembro asinouse en Lugo a acta de constitución de Cluergal con 18 socios; lamentablemente, atrasámonos desenvolvendo os estatutos e non puidemos asinar coincidindo con San Froilán, pero desde logo, cremos que foi un acerto porque non os modificamos nunca e son a nosa guía de actuación”.
Nesta liña, o xerente de Cluergal, Oriol Sarmiento, lembrou que a institución “naceu ao redor da cadea de valor eólica, pero hoxe aglutina a 130 membros todas as tecnoloxías e de toda a xeografía galega”. Ademais, o representante de Cluergal repasou os eixos que marcan o camiño á institución. “O primeiro, a cooperación empresarial; o segundo, a formación, a organización de eventos e o
desenvolvemento de publicacións; e o terceiro, a interlocución e relación coas administracións autonómicas, principalmente a Xunta de Galicia”.
Cinco premiados
Como broche de ouro a esta conmemoración do 15 aniversario de Cluergal, a institución repartiu 5 recoñecementos para distinguir aquelas iniciativas máis emblemáticas dun sector que “vive un momento crucial” e “cuxo desenvolvemento en Galicia foi esencial no pasado e esperamos que recupere a súa posición e avancemos na situación de bloqueo que vive”.
Os homenaxeados foron o enxeñeiro industrial Manuel Lara Coira, pola creación do primeiro parque eólico terrestre de Estaca de Bares en 1987. Dous profesores pioneiros do IES Punta Candieira, Carlos Breixo e Julio Aneiros, foron distinguidos pola súa labor na formación dunha enorme cantidade de traballadores da eólica en Galicia.
O terceiro homenaxe foi para Ángel Rioseco, María del Carmen Alberto e Javier Herrador, pola fabricación do aeroxerador Bonus en Navantia a principios do 2000 mentres que o cuarto recoñecemento foi para Julio Martín, Orlando Alonso, Raúl Rico e Javier Herrador,
como artífices do desenvolvemento da cadea de valor da eólica offshore en Ferrol (Navantia-Windar) 2014. O quinto e último homenaxe foi para Manuel Pazo Paniagua, presidente da Asociación Eólica de Galicia (EGA), ao que se lle recoñeceu unha traxectoria ligada ao sector co primeiro parque en Estaca de Bares, as primeiras torres de medida de vento e os primeiros plans eólicos, entre outros fitos.