Actualizado
O TSXG dálle a razón a Pull&Bear e confirma o despedimento disciplinario por acoso e vexación dun responsable de deseño.
O Alto Tribunal galego avala que a empresa actuou conforme a dereito ao esixir o contrato e considera probado que o traballador "mantivo unha conduta continuada de carácter vexatorio e sexualmente inapropiada cara a polo menos un dos seus subordinados".
Arquivo – Un cartel dunha tenda Pull & Bear, do grupo Inditex, a 5 de marzo de 2022, en Madrid (España). – A. Pérez Meca – Europa Press – Arquivo
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou o despedimento disciplinario por acoso e vexación dun responsable de deseño de Pull & Bear España na sede do polígono industrial de Río do Pozo en Narón, tras desestimar o seu recurso de súplica.
A sentenza da Sala do Social avala que a empresa actuou conforme a dereito ao extinguir o contrato por feitos cualificados como “moi graves”, entre os que se inclúen acoso, ofensas verbais e físicas, e transgresión da boa fe contractual.
Segundo avanza Europa Press, os feitos probados revelan que o traballador, con categoría de responsable de deseño e antigüidade desde 2002, mantivo unha conduta continuada de carácter vexatorio e sexualmente inapropiada cara polo menos un dos seus subordinados, a partir de xuño de 2023.
Entre os comportamentos acreditados figuran xestos obscenos, comentarios de índole sexual, tocamentos non consentidos, bicos e abrazos non solicitados, e a simulación de actos sexuais no entorno laboral. Tamén recolle que se dirixiu de forma inapropiada a unha modelo de patronaxe, realizando comentarios sobre o seu aspecto físico.
Orixe do procedemento
O orixe do procedemento interno sitúase o 27 de xuño de 2024, cando o empregado afectado denunciou un episodio de invasión do seu espazo físico, berros e actitude ameazante por parte do seu superior ocorrido o 29 de maio.
A investigación, canalizada a través do Comité de Ética do grupo Inditex, destapou o patrón de conduta inadecuada e culminou coa resolución de despedimento notificada o 26 de xullo de 2024.
Alegacións do acusado
O recorrente alegou, entre outros motivos, que a empresa non seguiu o protocolo específico de acoso do Plan de Igualdade e que os feitos habían prescrito. O TSXG rexeitou todas as súas alegacións, sinalando que o procedemento seguido garantía o dereito de defensa e que, ao tratarse de condutas continuadas, o prazo de prescrición cómputase desde o último feito, non tendo transcorrido os sesenta días previstos para as faltas moi graves.
A Sala subliña que os comportamentos descritos encaixan tanto no Estatuto dos Traballadores como no convenio colectivo aplicable, que tipifica como falta moi grave “toda conduta que atente gravemente contra a intimidade e dignidade mediante ofensa verbal ou física de carácter sexual”, agravada cando media unha posición xerárquica.
Con esta confirmación, mantense firme a sentenza do Xulgado do Social número 2 de Ferrol, que en marzo de 2025 xa desestimara a demanda do traballador e absolvía a Pull & Bear de toda reclamación. A resolución é susceptible de recurso de casación para unificación de doutrina.