O TSXG rexeita a suspensión cautelar do proxecto de Alcoa para ampliar a balsa de lodos vermellas.
O alto tribunal galego desestima a pretensión dunha asociación ecoloxista para deixar sen efecto a resolución da Xunta que autorizou o plan de restauración e recrecemento do depósito de lodos de Alúmina.
Planta de alúmina de Alcoa, en San Cibrao. Europa Press / Janet González
A xustiza galega avala o proxecto de Alcoa para ampliar a balsa de lodos vermello da súa planta de Alúmina, no concello lucense de Xove. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou a pretensión dunha asociación ecoloxista de suspender cautelarmente a resolución da Xunta que autorizou o plan de restauración e o proxecto de construción do recrecemento do depósito.
O pasado febreiro, a Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, autorizou o proxecto para a ampliación da balsa de lodos vermello, o que permite aumentar a súa capacidade en catro metros máis. Argumentouse desde o Goberno galego que esta infraestrutura é fundamental para asegurar a viabilidade da planta, xa que é clave dispor dunha infraestrutura onde depositar os residuos xerados durante o proceso industrial para producir alúmina a partir de bauxita. O proxecto conta tamén coa declaración de impacto ambiental favorable.
Con todo, a asociación Ecoloxistas en Acción Galiza presentou un recurso contra a resolución da Xunta, ao defender que a infraestrutura entraña riscos. Entre outras cuestións, a entidade entende que é susceptible dun accidente grave, ao estar destinada á contención de residuos perigosos, e que existe un risco de colapso da basa.
Non hai unha autorización nova
A Sala rexeitou nun auto as alegacións formuladas pola asociación. Así, subliña que é “moi importante” ter en conta que “non se está na presenza da autorización dunha nova actividade, senón da modificación dunha estrutura para proseguir coa que xa existía coa súa autorización”.
Por iso, lembra que “o éxito da pretensión suspensiva do novo proxecto debería vir condicionado a que se acreditase, de forma rigorosa ou moi indiciaria, ben a aparición de novos danos ambientais ou ben ao incremento dos xa existentes, pero sen esquecer que a orixe deses danos tería que situarse na modificación da estrutura da balsa, para o cal se esixiría non unha proba rendida por un titulado en bioloxía, nin en xeoloxía, nin en medicina, senón en calquera disciplina asociada a ese tipo de estrutura, o que non foi o caso”.
Esta é a segunda vez que o TSXG avala a balsa de lodos de Alúmina. En abril xa desestimou a solicitude cautelar formulada pola Asociación Petón do Lobo para paralizar a actividade na balsa de lodos vermello de Alcoa e do incremento do dique de cola mentres non se regularice a súa situación e actualice o seu Plan de Emerxencia Exterior.
Posibilidade de recurso
Os maxistrados engaden tamén que noutros dous autos xa fixeron “especial énfase na ponderación dos intereses en xogo a ter presentes”. Na resolución, indican que ditos intereses non son “tanto os da promotora da actividade extractiva e de elaboración do aluminio, senón os propios da carencia dese materi…