Reganosa eleva a súa aposta ‘verde’ e cargará gas natural renovable na súa terminal de Mugardos.
A compañía galega estrea un novo servizo para o abastecemento de buques con bioGNL, un gas renovable que se obtén a partir de residuos orgánicos.
Imaxe de arquivo das instalacións de Reganosa en Mugardos.
Novo paso adiante de Reganosa na súa aposta pola descarbonización. A compañía estrea na súa terminal de Mugardos un novo servizo de abastecemento de bioGNL a través do cal poderá realizar cargas deste combustible descarbonizado a buques e camións cisterna.
A través dun comunicado, a empresa que preside Roberto Tojeiro subliña que este movemento permite reforzar a súa “participación na descarbonización do sector, adaptando procesos e consolidando o seu papel como infraestrutura clave na transición enerxética”.
“O bioGNL é, sen dúbida, unha alternativa real e eficaz para avanzar cara á neutralidade climática e cumprir cos obxectivos marcados pola normativa FuelEU Maritime, que esixe a redución progresiva da intensidade de gases de efecto invernadoiro dos combustibles mariños. O bioGNL é un dos combustibles renovables recoñecidos para cumprir estes obxectivos e permite reducir ata un 92 % as emisións netas de CO₂ respecto ao fuelóleo pesado, o combustible tradicional no sector marítimo”, destacou Nuria Rivas, responsable da terminal de enerxía de Mugardos.
As claves do bioGNL
Estas instalacións lograron a International Sustainability and Carbon Certification da Unión Europea (ISCC EU). Esta distinción verifica que o gas natural licuado cargado en camións cisterna ou buques pode proceder, total ou parcialmente, de fontes renovables e sostibles grazas a un sistema de trazabilidade e certificados de sostibilidade.
“Este novo servizo cumpre con todos os criterios ambientais, sociais e de trazabilidade establecidos pola ISCC EU e a Comisión Europea“, reivindica a compañía galega, que asegura que “a incorporación de servizos como o subministro de bioGNL é unha das vías” para “reforzar a sostibilidade da súa actividade a longo prazo”.
“É un gas renovable que se obtén a partir de residuos orgánicos e que posteriormente se licúa para reducir o seu volume e facilitar o seu almacenamento e transporte”, explica a compañía, que, ademais, engade que “o bioGNL e o GNL son 100 % compatibles porque ambos teñen practicamente a mesma composición química e as mesmas propiedades físicas cando están licuados”.
“Isto fai que poidan almacenarse, manipularse e regasificarse nas mesmas instalacións, sen necesidade de modificacións técnicas. Ademais, o gas obtido é equivalente e pode inxectarse indistintamente na rede de gas natural”, apunta a firma galega, que aposta polo bioGNL para “ofrecer unha alternativa máis eficiente e con menores emisións fronte aos combustibles convencionais”.