O ministro de Economía dálle a porta a Altri en Santiago: «Non pasou unha serie de requisitos»
"Os proxectos estratéxicos en materia de financiamento nacional teñen que pasar unha serie de requisitos que neste caso non os pasou", defendeu Carlos Cuerpo, que pecha filas cos ministros de Industria e Transición Ecolóxica e visibiliza o seu rexeitamento á planta de fibras téxtiles que tramita a empresa portuguesa.
O ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo (c), ofrece unha conferencia dirixida á comunidade universitaria, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela / Álvaro Ballesteros – Europa Press
O Goberno volve dar calabazas a Altri. O ministro de Economía, Carlos Cuerpo, lembrou este mércores tras participar nun acto na Universidade de Santiago de Compostela que o proxecto de Altri en Palas de Rei “non pasou” os requisitos dos proxectos estratéxicos.
O titular de Economía referiuse a “o dito” polos seus homólogos de Industria e Transición Ecolóxica e expresou o seu rexeitamento á intención da compañía lusa de captar 250 millóns de euros para a posta en marcha da súa planta de fibras téxtiles no concello lucense.
“Os proxectos estratéxicos en materia de financiamento nacional teñen que pasar unha serie de requisitos que neste caso non os pasou”, subliñou.
“Modernización da economía española”
En paralelo, Carlos Cuerpo revisou a situación da economía española. Tras destacar os “datos récord con case 100 millóns de turistas” e “as maiores exportacións da historia”, o representante do Goberno defendeu “a modernización da economía española”.
“ España está sendo un país de turismo, pero de algo máis que turismo. De feito, exportamos máis en servizos non turísticos que en turismo. Son servizos a empresas, servizos financeiros, servizos de telecomunicacións, servizos de alto valor engadido que permiten tamén subir os salarios e que estes bos resultados macroeconómicos cheguen tamén á microeconomía”, reivindicou.
“Nos últimos dous anos e medio, a metade dos empregos que se crearon foron nas cinco ramas de maiores salarios. E polo tanto, como dicía antes, estamos sendo capaces de que esta boa evolución macro chegue ao día a día dos cidadáns, pero non estamos, non nos conformamos aínda, queremos seguir avanzando”, subliñou.
Ademais, tras a súa reunión co Foro Económico de Galicia, Carlos Cuerpo defendeu que a comunidade está “ante un momento único”. “Galicia ten unha oportunidade, unha xanela de oportunidade que aproveitar para cambiar, dar un paso, unha marcha máis e incrementar o noso crecemento potencial cara adiante, reforzar a industrialización da nosa economía, traballos de alto valor engadido e subir os nosos salarios”, precisou.
A xuízo de Cuerpo, “ese é o proceso no que está España, no que xa comezamos”. “Estamos modernizando a nosa economía e queremos, por suposto, que Galicia sexa parte deste proceso. Estamos, entre outras cousas, a través do Plan de Recuperación, eses 4.300 millóns que chegaron a Galicia axudando para que así sexa”, defendeu.