Resonac reduce capital en 11,7 millóns na súa filial en A Coruña tras perder máis de 100 millóns en dous anos
O grupo xaponés que proxecta unha nova fábrica de grafito para baterías na cidade herculina reequilibra o seu balance con esta operación, tras pechar 2025 cunhas perdas de 12 millóns.
Instalacións de Resonac na Coruña
A filial española do xigante xaponés Resonac acaba de acometer unha reducción de capital de 11,79 millóns de euros co que o seu capital social pasa de 12,8 a pouco máis dun millón de euros. Faino despois de que nos dous últimos exercicios sumase unhas perdas de máis de 100 millóns de euros e en pleno proceso de expansión na Coruña, co proxecto dunha nova fábrica de grafito para baterías na cidade.
Así queda exposto nos datos do Rexistro Mercantil da Coruña consultados por Economía Dixital Galicia. Un dos motivos polos que as compañías adoitan levar a cabo operacións deste tipo é para compensar perdas, no caso de que unha empresa que arrastra números vermellos reducira o seu patrimonio neto aproximándoo ou por debaixo do seu capital social.
Segundo a súa última memoria anual remitida, a filial coruñesa de Resonac finalizou o exercicio 2025 cun patrimonio neto que se reduciu dos 28,5 aos 17 millóns de euros. Ademais, no pasado exercicio 2025, Resonac Graphite Spain pechou o exercicio cun fondo de manobra negativo de 2,5 millóns fronte ao positivo de 19,3 millóns de 2024. En todo caso, con uns activos de 258 millóns de euros, a práctica totalidade da débeda que presenta o grupo, de 155 millóns a longo prazo e 46 a curto prazo, son con empresas do grupo, co que ten compromiso de financiamento.
Perdas (pero por deterioros)
Tal e como informou recentemente Economía Dixital Galicia, é certo que Resonac leva dous exercicios consecutivos encadeando uns números vermellos que suman máis de 100 millóns, pero tamén é certo que gran parte desas perdas non derivan da actividade da factoría da Coruña, a antiga Showa Denko.
En 2024, a filial galega de Resonac entrou en perdas, con uns abultados números vermellos de 90,5 millóns de euros. Non obstante, a sociedade viu afectada por deterioros de case 93 millóns de euros que lle xerou a súa participación nunha sociedade dependente domiciliada en Malaisia. A pesar da contundente perda neta, o resultado de explotación que alcanzou a empresa no exercicio, o propio da súa actividade, foi de 11,3 millóns de euros en positivo.
O pasado 2025, a compañía reduciu de forma notable as súas perdas, dos 90 aos 12,6 millóns. Non obstante, ese exercicio, o resultado de explotación si foi negativo, de uns 4,4 millóns de euros.
Ao contrario do que pasou en 2024, o exercicio pasado, o negocio coruñés si tivo máis problemas debido aos vaivéns do sector do aceiro. Ao marxe da caída no resultado de explotación, a cifra de negocio retrocedeu un 10% ata os 175,4 millóns.
Para entender a minoración hai que ter en conta o escenario en particular do sector siderúrxico en Europa, que tivo que loitar contra a baixada de demanda e o crecemento da competencia. «É un sector intensivo en capital, tanto por investimentos como por custos de produción, e que soporta unha enorme presión das importacións, polo que é complicado mellorar a rendibilidade cando a demanda non soporta unha subida de prezos«, sinala Resonac no seu informe de xestión.
Retos futuros
En todo caso, a compañía sanea o seu balance de cara aos seus retos futuros. Está previsto que ao longo deste 2026 se completen os traballos de demolición para dar paso á posta en marcha da fábrica piloto de grafito para baterías á que se dedicará unha inversión de dez millóns de euros co obxectivo de comprobar se esta produción é viable. No caso de que supere esta proba, Resonac ábrese a unha inversión de 500 millóns de euros para poñer en marcha unha planta sobre a que xirarán arredor de 600 empregos entre directos e indirectos e da cal saírán cada ano unhas 60.000 toneladas de produto.