Sonae Sierra, a comercializadora de Breogán Park, amplía a súa presenza en Galicia co centro comercial Odeón.
A compañía lusa alcanza un acordo co grupo mexicano Inmobic para asumir a comercialización de cinco centros en España, entre eles, o histórico establecemento de Narón.
O grupo mexicano Cojab, novo dono do centro comercial Odeón, en Narón.
O xigante luso Sonae Sierra aumenta a súa presenza no sector dos centros comerciais galegos. A multinacional centrada no sector inmobiliario acaba de asinar un acordo co grupo mexicano Inmobic para asumir a comercialización de cinco centros en España, ademais dun sexto en fase de desenvolvemento. Entre eles atópase Odeón, o primeiro centro comercial da comarca de Ferrol que en 2024 quedou en mans da familia Cojab.
Ademais de Odeón, segundo informa Sonae Sierra, os activos incluídos na operación son Espacio Torrelodones (Madrid), Mirador de Cuenca (Cuenca), Itaroa (Navarra), e La Marina (Alicante). A este portafolio súmase o centro comercial Santa Ana, actualmente en desenvolvemento en Cartaxena (Murcia).
Explica a compañía que “a comercialización levarase a cabo en colaboración con Inmobic baixo un modelo de co-exclusividade co fin de optimizar o ‘mix’ comercial e maximizar o valor dos activos no mercado”.
Pegada en Galicia
“Este acordo permítenos reforzar a nosa posición como provedor especializado de servizos en España e consolida a nosa capacidade para deseñar e implementar estratexias comerciais adaptadas a contextos rexionais diversos, demostrando así a confianza que Inmobic deposita no noso equipo e no noso coñecemento do mercado local”, destacou o director de Property Management para España e Portugal, Alberto Bravo.
Fai catro anos Sonae Sierra tamén chegou a un acordo con Pelayo Capital para asumir as tarefas de comercialización do proxecto Breogán Park, en construción na Coruña.
A historia de Odeón
O Odeón é un dos centros comerciais máis antigos da provincia. Xurdiu nos albores da década dos 2000.
Foi inaugurado baixo a propiedade de Construcións Odeón, do arquitecto catalán Luis Ridao, quen mantiña a propiedade ata 2003, cando pasou a mans do banco de investimento alemán, Aareal Bank, ata 2006. O seu terceiro dono foi o grupo luso Amorín, que o xestionou ata 2015, cando foi adquirido por Eurofund e Patron, que levaron a cabo unha reforma integral que, aseguran, lles custou uns 10 millóns de euros.
En 2024, a familia mexicana Cojab fixo co centro nunha operación que tamén incluía outros dous grandes almacéns: o Mirador, en Cuenca, e Alzamora, en Alicante.