Terras Gauda recorta as súas vendas e o seu beneficio o ano que aterrou na adega de Roberto Verino
O grupo bodegueiro pontevedrés, capitaneado por José María Fonseca Moretón pechou o pasado exercicio con unha facturación de 14,40 millóns, un 7,34% por debaixo do ano anterior, e uns beneficios de case 264.000 euros

Bodega Terras Gauda. Terras Gauda
Terras Gauda, un dos grupos vitivinícolas galegos máis importantes, pechou o 2024 con unha cifra de negocios de 14,40 millóns, un 7,34% por debaixo dos 15,54 millóns que conseguiu en 2023. Tamén viu recordados os beneficios, que pasaron dos 433.813 millóns aos 263.998 un ano máis tarde.
“Para o exercicio 2025 prévese un incremento da cifra de negocios do 5,38% o que unido á mellora estimada nun 12% da marxe bruta sobre vendas, determinaría un resultado de explotación de 1,2 millóns de euros (761 mil en 2023), o que unido á baixada do custo financeiro permitiranos mellorar os resultados obtidos nos dous últimos exercicios, xerando maiores fluxos de efectivo necesarios para atender o pago da débeda”, detallan nas contas depositadas no Rexistro Mercantil e consultadas por Economía Dixital Galicia.
O patrimonio neto da compañía mantívose practicamente igual en ambos os exercicios, roldando os 17 millóns. En canto ao resultado de explotación, o propio da actividade da empresa, experimentou un retroceso ao pasar dos 760.619 euros en 2023 aos 644.111 en 2024.
Xestión de Gargalo
En abril do pasado ano a compañía formalizou a “alianza estratéxica” con Gargalo, a adega que preside o deseñador ourensán Roberto Verino, tras a adquisición do 25% do capital.
En virtude deste acordo, do que non figura mención algunha nas contas do ano pasado, Terras Gauda asumiría a xestión “de todas as áreas de actividade” de Gargalo, principalmente “a dirección enolóxica, empresarial e comercial, loxística, internacionalización, e enoturismo, entre outras”. A alianza permitirá impulsar a potenciación do godello e da D.O. Monterrei.
Empresas participadas
O grupo bodegueiro pontevedrés, capitaneado por José María Fonseca, conta con unha posición consolidada en catro das zonas vitivinícolas de referencia en España e con maior proxección internacional: Rías Baixas, La Rioja, Sardón de Duero e Bierzo.
A súa adega matriz atópase en O Rosal. Fundada en 1989, é a cuna dos caldos con denominación de orixe Rías Baixas elaborados a partir de variedades de uva autóctonas como son albariño, caíño branco e loureriro
En 2002 adquiriu o 65% do capital social da entidade Viñedos y Bodegas Pittacum S.L por un importe dun millón de euros. A sociedade, que pechou o 2024 cun patrimonio de 2,87 millóns ten a súa adega en Arganza (León) na que se traballa principalmente a variedade mencía.
Oito anos máis tarde adquiriu o 75% do capital da sociedade Quinta Sardonia, que conta cunha adega en Sardón de Duero (Valladolid) con dúas hectáreas de viñedo con quince terroirs diferentes de orixe calcáreo nos que se traballan distintas variedades de uva como cabernet sauvignon, syrah, petit verdot ou malbec, entre outras. O patrimonio desta sociedade alcanzou ao peche de exercicio os 2,13 millóns de euros.
En 2018, Terras Gauda converteuse na primeira adega de orixe galego en embarcarse nun proxecto riojano ao incorporar baixo o seu paraugas á Compañía de Vinos Heraclio Alfaro, da que controla o 75%. A finca Estarijo (Alfaro) conta con máis de 2.500 metros cadrados de superficie na que se aloxan cinco naves nas que se producen os caldos con as variedades tempranillo, graciana, garnacha e mazuela.
Tamén posúe o 87,7% do capital de Conservas a Rosaleira, firma con base de operacións en O Rosal especializada na produción e comercialización de conservas vexetais con un patrimonio neto de case un millón de euros.
Baixo o paraugas da sociedade principal inclúense ademais Terras Gauda Comercial e Vinos del mundo seleccións, sociedade sen actividade da que adquiriu o 100% do capital en maio de 2013 co obxectivo de “dispoñer dunha ferramenta adicional para a comercialización” dos seus propios viños e mesmo de terceiros.