O ‘think tank’ do Ministerio de Defensa alertou do poder de China nos portos europeos hai cinco meses
Un artigo publicado polo Instituto Español de Estudos Estratéxicos argumentou en marzo que China conta con influencia en numerosos portos a nivel global e que poderían ser clave para un posible uso militar, como bases de apoio para a súa mariña de guerra.
Recreación da ubicación de SAIC Motor no porto exterior de Ferrol / SAIC Motor
O aparente consenso político que había espertado o proxecto de SAIC para instalar a súa base industrial e loxística para Europa en Galicia desfezouse polo lado da xeopolítica e a seguridade. O Ministerio de Defensa conta con informes do Exército que poñen en dúbida a conveniencia de instalar a planta do grupo automobilístico chinés no porto exterior de Ferrol pola súa proximidade ao arsenal militar e ao estaleiro de Navantia, onde se constrúen as fragatas F-110. Os recelos, que compartiría tamén o CNI, fundamentaríanse na posibilidade de espionaxes aos movementos das fragatas con base no arsenal militar e á tecnoloxía de Navantia, que ademais ensambla sistemas de armas da estadounidense Lockheed Martin, un dos grandes grupos globais da guerra.
Esta preocupación, desvelada en artigos de El Mundo e El País este luns, non é baladí nun proxecto que debe aprobar o Consello de Ministros, aínda que o Executivo, por boca do ministro para a Transformación Dixital e a Función Pública, Óscar López, lle quitou importancia ao asunto e dixo que a fábrica de SAIC poderá aprobarse preservando a seguridade nacional, o que pode supoñer establecer determinadas condicións á súa implantación.
Aínda que a desconfianza militar respecto á planta de vehículos colleu por sorpresa ao presidente da Xunta, que cualificou de “chocante” o cuestionamento da iniciativa, o certo é que no Ministerio de Defensa obsérvase con atención o despregamento das empresas chinesas nos portos españois e europeos. Iso dá a entender un recente artigo publicado polo Instituto Español de Estudios Estratégicos (IEEE) no que se analiza, precisamente, a crecente influencia do xigante asiático nos peiraos, especialmente no sur global (desde onde recibe materias primas e enerxía), no Índico (ruta que une China con Europa, que é o seu principal mercado, e co golfo Pérsico), e na propia Europa.

Titulado O poder portuario. Elemento clave no ascenso marítimo de China e publicado o pasado marzo polo think tank de Defensa, a análise alerta que estes portos poderían ser clave para un posible uso militar, como bases de apoio para a mariña de guerra, o que xera “preocupación e desconfianza” no occidente ante a perspectiva de que o xigante asiático poida disputar a hegemonía marítima aos Estados Unidos a nivel global dentro de uns anos.
O espionaxe perturba aos Estados Unidos
Para relacionar o artigo coa inquietude de Defensa sobre a nova planta de SAIC en Ferrolterra, para cuxa chegada traballou o propio Goberno, hai que facer dous matices: por unha banda, as análises do IEEE non representan a opinión do Ministerio de Defensa nin tampouco a da institución, senón a do autor que o asina, neste caso, Abel Romero, Capitán de Navío da Armada na reserva formado na Escola Naval de Marín e analista do propio IEEE; por outra, o estudo céntrase fundamentalmente na influencia entendida como o control de tráficos marítimos, aludindo de maneira primordial ás empresas navieiras chinesas, entre elas, Cosco, China Merchants Group e Hutchinson.

Igual de certo é que, amén da preocupación no ecosistema de Defensa pola presenza chinesa en enclaves portuarios, o documento fai referencia específica ao espionaxe como un dos riscos asociados a ese despregamento. Alude neste caso aos Estados Unidos, ao sinalar que está a investigar as grúas portuarias como potenciais ferramentas de espionaxe.
“A propia infraestrutura portuaria tamén se pode empregar para espionaxe e recollida de intelixencia. Coa súa influencia e control en terminais por todo o mundo, China podería espiar os movementos comerciais e militares de terceiros (incluído EE. UU.). Unha investigación do Congreso americano de 2024 mostrou equipos de comunicacións en grúas fabricadas en China e ubicadas en portos estadounidenses, o que suxire vulnerabilidades en cadeas de subministración, e opción a obter datos comerciais e outra información sensible. Actualmente China conta cunha posición de vantaxe a través da citada Logink (tamén coñecida como a Plataforma Nacional de Información Pública de Transporte e Loxística), implementada polo menos en 24 portos por todo o mundo, o que permitiría a China acceder a información confidencial relacionada co transporte, a fixación de prezos e a xestión de mercadorías (incluído o equipo militar), ameazando a seguridade económica e militar dos Estados Unidos”, di o parágrafo completo.
Influencia comercial e loxística
Ao marxe das historias de espías, a exposición do estudo parte de que China só conta cunha base naval no exterior, a de Xibuti, e que fundamenta a súa estratexia de apoio á súa armada na inversión en portos civís “como forma de influir no comercio e na loxística globais e, se fora necesario, para utilizalos (potencialmente) en apoio ás súas forzas navais“.
Tendo como fonte o Council on Foreign Relations (CFR), o documento contabiliza 130 proxectos portuarios a nivel global con investimento chinés, dos cales, en 17 China ten un porcentaxe de participación maioritaria. De todos eles, 90 terían potencial físico para uso militar, en particular en 14 dos 17 onde China ten participación maioritaria. No sur global, o Center for Strategic & International Studies (CSIS) estima que, dos 70 proxectos portuarios comerciais nesa zona, 55 teñen potencial para uso naval.

A iniciativa A Fronteira e a Ruta é unha estratexia de investimento de China en infraestruturas para favorecer a actividade económica en Eurasia e con África e América Latina
“China domina o comercio marítimo en termos de volume, actividade de construción naval, e construción e propiedade de portos en todo o mundo, e esta situación pon en risco os intereses económicos e as prioridades de seguridade nacional dos Estados Unidos. Mentres China preséntase como a gran esperanza xeoeconómica global, EE. UU. trata de resistir xerando temores xeopolíticos sobre as iniciativas e investimentos chineses”, di o estudo.
Respecto a Europa, o analista do IEEE sinala como zonas de especial influencia Grecia (“no Pireo, onde Cosco ten participación maioritaria nas terminais do porto, opera dúas a través dunha filial, e ten o control operativo mediante participación maioritaria na autoridade portuaria”), Alemaña (“Cosco ten participación nunha terminal do porto de Hamburgo”), Países Baixos (“Cosco e Hutchison teñen participación en terminais do porto de Rotterdam, sendo a segunda a maior operadora de contedores do porto”), Bélxica (“Cosco controla unha terminal no porto de Brujas”), España (“Cosco ten participación maioritaria en terminais de Valencia e Bilbao, e Hutchison participa en Barcelona”) e Italia.
O dono de Grupo Puentes
Tamén inclúe o estudo unha referencia ao dono de Grupo Puentes, a terceira maior construtora galega. Respecto a CCCC, que ao igual que SAIC ten a Pequín como accionista de control, di o documento que é “a maior empresa de deseño e construción de portos do mundo” e a vincula, xunto ás grandes navieiras, á hegemonía chinesa sobre “a financiación, o deseño, a construción e a xestión de infraestruturas portuarias no estranxeiro”.