Tous contrata a unha ex de Profand e Bimba y Lola como nova CEO
A compañía catalá nomeou nova CEO do grupo a Susana Sánchez, galega de adopción, e que no pasado foi directora tanto de Bimba y Lola como de Profand.

Susana Sánchez junto a Alba Tous
Relevancia na cúpula de Tous. Susana Sánchez, que desde o ano 2021 está á fronte da cadea portuguesa de moda e complementos Parfois, foi nomeada como nova CEO da firma catalá.
Sánchez substituirá a Carlos Soler-Duffo, que pon fin a un mandato de nove anos, e será a encargada de pilotar o proceso de crecemento de Tous.
Inxeñeira de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo e MBA pola escola galega de negocios Ieside, non será a primeira aventura de Susana Sánchez Sánchez (nacida en Caracas) no mundo da moda. E é que a executiva xa foi directora de operacións da marca de complementos e accesorios Dayaday, empresa que en 2013 acabaría en mans da propia familia Tous.
Previamente, Susana Sánchez traballara en Motorola e tras o seu paso por Dayaday deixaría a súa pegada en dúas empresas galegas. Así, en 2016 incorporaríase a Bimba y Lola como directora comercial e de negocio para, tres anos despois, ser nomeada directora xeral corporativa do grupo pesqueiro vigués Profand.
En 2021 consumaría a súa fichaxe por Parfois, cargo que compaxinaría co de conselleira en La Casa de las Carcasas e ProA Capital. A executiva deixa agora Parfois coa misión de acelerar o “crecemento sostible de Tous”, que ven de pechar 2024 cun crecemento do 9,4% na súa facturación. Esta ascendeu a 523 millóns de euros mentres que o beneficio neto retrocedeu un 10%, ata situarse nos 45 millóns de euros.
Alba Tous, presidenta de Tous, considera que Sánchez aportará un “profundo coñecemento do sector da moda” e unha “visión innovadora”. Ademais, “a súa experiencia no desenvolvemento global de compañías de retail” contribuirán a reforzar a “ambición de crecemento” de Tous e o seu propósito de “elevar a marca cara a novas dimensións de diferenciación e innovación”.