Urbaser, FCC e Valoriza renuncian ao maior contrato de lixo de Galicia, que queda deserto
As tres firmas optaron por non presentar oferta ao concurso para a xestión da planta de residuos de Nostián, cuxo contrato caducou en 2019.
Vista da planta de residuos de Nostian
O concurso do Concello da Coruña para a xestión da planta de tratamento de residuos de Nostián queda deserto.
Urbaser, Valoriza (antiga filial de Sacyr que agora está en mans de Morgan Stanley) e FCC optaron por non presentar ofertas para asumir este contrato valorado en máis de 642 millóns de euros por un período de 25 anos. As tres firmas presentaron alegacións no seu momento, o que desembocou nun aumento do 24,5% nun orzamento total que, con todo, non lles atraeu o suficiente como para presentar oferta formal.
É por iso que, segundo La Opinión de A Coruña, o Goberno local abrirá “un novo prazo de presentación de ofertas durante o mes de xullo” co obxectivo de abrir unha nova xanela de oportunidade para resolver o concurso sen necesidade de declarároo deserto e comezar o proceso de cero.
A ausencia de ofertas supón un novo golpe para a xestión da planta de Nostián, agora en mans da UTE Albada, na que Urbaser (antiga filial de ACS que agora está controlada polo fondo Platinum Equity) exerce como máximo accionista.
A anterior concesión leva caducada desde o ano 2019, o que chegou a forzar unha intervención temporal por parte do Concello. Nostián permaneceu durante a maior parte deste tempo baixo prórrogas forzosas ante os atrasos na tramitación do novo concurso (o anteproxecto aprobouse a finais de 2022).
O primeiro borrador económico do concurso que elaborara o Concello facía imposible, segundo a Oficina Nacional de Avaliación (ONE), que as empresas puidesen recuperar o investimento. Este factor, unido ás alegacións de FCC, Urbaser e FCC provocaron que o Goberno local cedese parcialmente e elevase o custo de xestión de rexeito (material que se envía a vertedoiro) de 72 a 94 euros.
Ademais, o canon por tonelada elevábase de 104,5 a 112,6 euros a partir do terceiro ano de funcionamento, elevando así o gasto municipal duns 273 millóns de euros a case 339.