Vueling consolídase como a principal compañía aérea en Galicia e Ryanair cae á cuarta posición
Os aeroportos galegos perden 466.359 pasaxeiros no primeiro semestre de 2025 polo peche de Santiago e a caída de actividade da compañía aérea irlandesa.
Montaxe na que se pode ver unha lona publicitaria de Vueling en Santiago e dous avións da compañía.
Os aeroportos galegos recibiron 2,2 millóns de viaxeiros no primeiro semestre deste ano, o que supón unha caída de 466.359 respecto ao mesmo período de 2025, nun exercicio marcado peche por obras da principal terminal galega, a de Santiago, e polo descenso de actividade de Ryanair, que anunciou fortes recortes nas súas operacións en España polo seu enfrontamento con Aena.
Vueling consolidouse como o principal operador na comunidade, alcanzando os 969.814 usuarios ata xuño e liderando o tráfico no Rosalía de Castro e en Alvedro. En Peinador, o aeroporto de Vigo, foi Air Europa a compañía aérea con máis pasaxeiros no primeiro semestre, seguida doutras dúas marcas de IAG, Iberia e a propia Vueling. A compañía participada pola SEPI moveu o 60% dos usuarios neste período, sen contar a actividade de Air Nostrum (118.724 pasaxeiros no primeiro semestre), franquiciada de Iberia.
Ryanair, pola súa banda, cae á cuarta posición entre as compañías aéreas que operan en Galicia con 147.814 pasaxeiros, todos no aeroporto de Lavacolla, onde Vueling moveu no primeiro semestre catro veces máis, 585.000. Por diante da compañía irlandesa están Vueling, Air Europa (409.553 pasaxeiros) e Iberia (324.039 pasaxeiros).
O arranque do verán
Os aeroportos galegos xestionaron no mes de xuño 479.430 pasaxeiros, 139.522 pasaxeiros máis que no mes anterior tras a reapertura do aeroporto Rosalía de Castro-Santiago de Compostela, que permaneceu pechado do 23 de abril ao 27 de maio por obras. A recuperación de actividade en Lavacolla permitiu 277.649 pasaxeiros, unha cifra moi superior á do mes de maio, cando tivo só 31.594 viaxeiros, debido ao peche da terminal por obras. Con todo, a cifra é un 10,5% inferior á rexistrada no mesmo mes de 2025.
O Aeroporto da Coruña rexistrou en xuño un total de 107.799 pasaxeiros –87.336 menos que en maio–, un dato lixeiramente inferior ao de xuño de 2025 –1,5%–. Nos seis primeiros meses do ano, con todo, o tráfico aumenta un 18,9% con Vueling como principal operador. Alcanzou os 276.508 pasaxeiros transportados no primeiro semestre, o que representa un incremento do 72,4%.
Pola súa banda, polo Aeroporto de Vigo pasaron, durante o pasado mes, 93.982 pasaxeiros, 19.197 menos que no mes anterior e case os mesmos que en xuño de 2025.