Windar Renovables, socio de Navantia, activa un ERE que afecta a 40 traballadores en Fene.
A multinacional presentoulle aos sindicatos un expediente de regulación de emprego, que comezará a negociarse o próximo 22 de setembro, sobre a filial Windar Wind Services que afectará a preto de 70 traballadores, incluídas as catro decenas das instalacións coruñesas.

Instalaciones de Windar en Avilés. Windar
A multinacional Windar Renovables, socia de Navantia coas estruturas para parques eólicos mariños como os de Iberdrola en Saint Brieuc ou Kincardine, presentou aos sindicatos un expediente de regulación de emprego (ERE) na súa filial Windar Wind Services que afectará a uns 70 traballadores, incluídos os 40 traballadores que a compañía ten trasladados en Fene.
Así o recolle a prensa local asturiana na que sinala a falta de carga de traballo pola paralización nos Estados Unidos dos grandes proxectos que a compañía tiña en carteira e pola falta de pedidos en Europa.
A compañía planeou no seu momento o traslado de 40 traballadores a Fene para evitar despedimentos. A plantilla fora mobilizada por un período de nove meses e que finaliza este 30 de setembro. As negociacións do expediente de regulación iniciaránse o próximo día 22, data na que a compañía entregará a documentación aos traballadores.
Proxecto en Avilés
A finais de 2023 a Autoridade Portuaria de Avilés deulle o visto bo para desenvolver o seu proxecto de fabricación de equipos e estruturas nun dos peiraos portuarios da antiga Alcoa, o que suporía un investimento de 110 millóns.
A iniciativa, cuxa execución estaba prevista nun prazo de tres anos, destinaríase á fabricación e subministración de torres offshore e monopiles para turbinas de nova xeración XXL para a súa posterior expedición marítima desde o porto avilesino. A concesión outorgouse por un prazo de 35 anos e prevíase que se incrementase o tráfico portuario en torno ás 400.000 toneladas.
O Goberno asturiano pide “tranquilidade”
O conselleiro asturiano de Ciencia, Industria e Emprego, Borja Sánchez, asegurou que se trata dunha noticia “que reciben con preocupación” aínda que lanzou unha mensaxe de “tranquilidade”. “Estamos en contacto directo coa compañía. A empresa trasládanos que, en principio, as plantas de Asturias, en principio, non se verían afectadas, aínda que, obviamente, a noticia da presentación dun ERE non é unha boa noticia”.
Segundo explicou o conselleiro “de momento o que se lles transmite desde a dirección da empresa é tranquilidade respecto aos proxectos que ten en Asturias” e subliñou que “hai que ter en conta que a planta da Coruña estaba moi orientada a uns proxectos americanos que sabes que teñen pinta de que non se van realizar”.
“Obviamente, a política de Donald Trump contra os eólicos, digo contra, porque directamente é unha forma de enerxía que non está fomentando, pois trouxo como consecuencia cancelación de contratos e falta de carga laboral, que ao final se traduce neses EREs. Tamén, como se manifestou e como se sabe, a entrada de produtos doutros países, notablemente de China e do Oriente, de todo o continente asiático, que son produtos que hoxe por hoxe non compiten nas mesmas condicións. Polo tanto, eu o que me gustaría sería transmitir, de momento, tranquilidade para as plantas asturianas”.