Abanca culmina a súa transformación en Portugal: engule Eurobic e convértese no sétimo banco do país.

A entidade de Juan Carlos Escotet, que xestionará máis de 20.000 millóns de volume de negocio, absorbe Eurobic e comeza a operar como Abanca Portugal, cunha rede de 230 oficinas.

Sede de Abanca en Lisboa

Sede de Abanca en Lisboa.

Abanca completou a integración de EuroBic, a operación máis importante realizada polo equipo de Juan Carlos Escotet que servirá para iniciar unha nova etapa no país veciño, operando agora como Abanca Portugal e xa non como unha sucursal española no territorio. Durante este fin de semana tiveron lugar a integración xurídica, a migración tecnolóxica do negocio de EuroBic á plataforma Abanca e a mudanza de marca nas oficinas e caixeiros, as últimas accións do proceso de integración que quedaban por executar.

“Esta operación proporcionanos unha plataforma para seguir crecendo en Portugal de maneira orgánica, posicionándonos como unha entidade de referencia para as empresas e os particulares a través dun modelo de banca innovador e altamente tecnolóxico”, destacou o presidente da entidade, Juan Carlos Escotet.

“A calidade do noso equipo no país, que acredita un profundo coñecemento do mercado portugués sumada ás nosas capacidades e enfoque especializado, permítennos chegar a segmentos clave na nosa estratexia a través dunha proposta de valor diferencial”, explicou, pola súa banda, o conselleiro delegado, Francisco Botas.

A integración máis complexa

A de EuroBic é a integración de maior alcance das dez que Abanca realizou nos últimos dez anos, onde foron numerosas as operacións de crecemento inorgánico realizadas pola herdeira das antigas caixas galegas, mellorando a súa posición tanto en España como en Portugal. Os clientes de EuroBic operan xa con normalidade na nova plataforma, con acceso a un catálogo de produtos e servizos “máis amplo e diversificado e unhas maiores capacidades tecnolóxicas”, segundo di Abanca nun comunicado. A entidade destaca a integración da intelixencia artificial xerativa (IAX) na web e a banca móbil do banco, para a atención de consultas de clientes e non clientes, a través do servizo SOFia.

En todas as fases desenvolvidas nos últimos dous anos no conxunto do proceso de integración traballaron 700 persoas organizadas en 13 equipos, cunha cifra de 410.000 horas de traballo e 3.350 tarefas completadas. As oficinas integradas este fin de semana lucen xa con Abanca como única marca. Na operación de substitución participou un equipo formado por máis de 250 persoas entre técnicos externos e persoal do banco.

Oficina de Abanca en Lisboa

O ata agora responsable de Abanca en Portugal, Pedro Pimenta, será o presidente da Comisión Executiva da entidade resultante da integración, Abanca Portugal, e máximo responsable do banco no país. Con experiencia no sector financeiro desde 1989, incorporouse ás entidades de orixe de Abanca en 1999 para constituír a sucursal en Portugal, que dirixía ata agora. Entre 2003 e 2008 desempeñou o cargo de director de Negocio Internacional e posteriormente liderou a integración en Abanca do negocio adquirido a Deutsche Bank.

Os números de Abanca en Portugal

Tras a integración, Abanca xestiona en Portugal un volume de negocio de 20.635 millóns de euros (8.757 millóns en crédito á clientela, 9.159 millóns en depósitos da clientela e 2.718 millóns en recursos fóra de balance) e conta cunha rede comercial de 230 puntos de venda distribuídos por todo o país. A carteira presenta unha ratio de morosidade do 2,4% e unha cobertura do 84,9%.

A entidade subliñou que esta operación é “plenamente complementaria desde o punto de vista comercial”, xa que “abre para Abanca en Portugal un maior desenvolvemento en banca universal, supón claras sinerxías de ingresos, e reforza o seu posicionamento en varias liñas de negocio estratéxicas, como fóra de balance, seguros e medios de pago”.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta