Actualizado
Abanca dá luz verde a un plan de 150 millóns para apoiar ás zonas afectadas polos incendios

Integrantes del Consejo de Administración de Abanca – ABANCA
O Consello de Administración de Abanca ratificou o plan de acción para apoiar aos colectivos afectados polos incendios que asolaron este verán as comunidades de Galicia, Castela e León e Estremadura.
O banco, que puxo en marcha o plan o pasado agosto, abriu unha liña de apoio financeiro por 150 millóns, ademais de axilizar as indemnizacións de seguros e anticipar axudas públicas. Tamén doou un millón de euros en material e prevención.
A entidade destaca nun comunicado que así “mostra a súa solidariedade e apoio efectivo aos colectivos afectados e reforza o seu compromiso coas persoas”.
A sesión tivo lugar en Ourense, a provincia máis afectada polos incendios. Foi presidida polo presidente do banco, Juan Carlos Escotet, e contou coa presenza do conselleiro delegado, Francisco Botas, e o resto de membros do máximo órgano de goberno.
Obxectivos do plan de acción de Abanca
Este plan de acción, que o banco desenvolve en colaboración con Afundación, ten como obxectivos a recuperación económica, social e ambiental das áreas danadas e o incremento do seu nivel de protección e capacidade de resposta fronte a situacións futuras.
Tras o anuncio en agosto, o plan definiuse en detalle unha vez finalizado o proceso de escoita activa aos grupos de interese implicados: administracións públicas (locais, provinciais e autonómicas), asociacións veciñais e cidadáns, empresarios e organizacións profesionais, asociacións e sindicatos agrarios, equipos e organismos implicados na extinción de incendios, e mancomunidades e comunidades de montes.
Desa forma, elaborou un diagnóstico da situación e deseñou un paquete de accións, “baixo o principio de complementariedade” con as axudas públicas, dirixido a catro obxectivos prioritarios: “Recuperación, prevención, formación e concienciación”. Nas localidades afectadas sen oficina física, Abanca puxo a disposición dos afectados o seu servizo de oficina móbil.
Liña de financiamento de 150 millóns
A liña de financiamento de 150 millóns de euros aberta vai dirixida tanto a familias como a empresas. “A tramitación realizarase con axilidade e flexibilidade, priorizando a resolución das necesidades máis urxentes”, afirmou.
No caso das familias, o seu destino é a rehabilitación de vivendas e a substitución ou reparación de vehículos e maquinaria agrícola. O apoio a titulares de actividades económicas, que se canaliza a través da división especializada Abanca Agro, comprende financiamento a curto, medio e longo prazo para restablecer canto antes a actividade dos sectores forestal, vitivinícola, agrícola e gandeiro.
Tanto as familias como as empresas afectadas terán ademais acceso a anticipos de indemnizacións de seguros e outras axudas públicas. Abanca puxo en marcha un protocolo de emerxencias en materia de seguros para axilizar o abono das indemnizacións aos seus clientes. O banco anticipará ademais axudas PAC a tipo 0% e aplicará preautorizados nos casos que proceda, o que permitirá axilizar o proceso. En Portugal habilitáronse liñas de financiamento específicas de apoio aos afectados.
A segunda parte deste plan está dotada con un millón de euros en material e outros recursos. Para a prevención de futuros incendios nas zonas afectadas ou declaradas de alto risco, Abanca proporcionará tecnoloxía de vixilancia (drons) en coordinación coa Xunta de Galicia. Ademais, aportará kits de emerxencia con material de resposta rápida tanto para os concellos afectados como para os declarados de alto risco.
Tamén se deseñaron accións de voluntariado sobre o territorio e un paquete de axudas económicas directas a asociacións veciñais e agrupacións empresariais e sectoriais. Finalmente, implicarase, a través da Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), na investigación sobre a loita contra os incendios e a xestión do territorio.