Inditex, Plexus, Profand, Optare e Sogama lideran o bo goberno no Atlas Galego da Empresa Comprometida
Un grupo de dez compañías, entre as que tamén se atopan BorgWarner, Gestán, Grupo Faro, Congalsa e Delikia, reciben as maiores valoracións na categoría de Bo Goberno na sexta edición do atlas de Economía Dixital Galicia.
Primeiros resultados da sexta edición do Atlas Galego da Empresa Comprometida, un proxecto de Economía Dixital Galicia presentado este martes en Santiago nun acto presidido por Alfonso Rueda. Bo Goberno, unha das catro categorías sobre as que se asenta o proxecto que mide o compromiso das empresas galegas, ten un claro gañador: Inditex.
O Atlas analiza o compromiso das empresas galegas co bo goberno a través de cinco dimensións complementarias: ética empresarial, transparencia informativa, gobernanza sostible, adhesión ao Pacto Mundial da ONU e contribución fiscal. No conxunto da categoría, di o documento, os resultados desta edición amosan un comportamento relativamente estable, cun nivel xeral de implantación das prácticas de bo goberno que pode considerarse satisfactorio, aínda que con diferenzas significativas entre variables.
As máis destacadas
Pois ben, no ámbito individual, varias empresas destacan de maneira notable no conxunto da categoría. Unicamente o Grupo Inditex supera os 90 puntos sobre 100, situándose como o referente máis destacado en materia de bo goberno. Ademais, Optare Solutions, BorgWarner, Plexus Tech, Profand, Grupo Gestán, Grupo Faro, Congalsa, Delikia e Sogama obtén valoracións superiores aos 80 puntos.
Como categoría, en Bo Goberno destaca especialmente o avance gradual da gobernanza vinculada á sostibilidade, que alcanza unha puntuación de 7,2 sobre 10, consolidándose como a variable mellor valorada da categoría. De acordo cos autores do documento, os economistas Marcelino Fernández Mallo e Fernando de Llano, a presenza crecente de coñecemento especializado en sostibilidade nos órganos de goberno e o seguimento sistemático dos riscos e oportunidades neste ámbito indican que estas cuestións están integrándose de maneira progresiva na supervisión estratéxica das empresas.

Coxeira na transparencia
En conxunto, os resultados desta categoría amosan que as empresas galegas do Atlas presentan unha base sólida en materia de bo goberno, con avances na integración da sostibilidade nas estruturas de decisión e na consolidación de políticas éticas. Non obstante, a transparencia informativa e a adhesión a marcos internacionais de compromiso continúan a ser ámbitos nos que existe marxe de mellora, especialmente nun contexto no que a rendición de contas empresarial está chamada a adquirir unha relevancia crecente.
As mencionadas dez empresas (o 13% da mostra) do Atlas Galego da Empresa Comprometida conseguen o máximo número de estrelas (5), unha empresa menos que na edición pasada. Se se amplía a análise ás empresas que alcanzan entre 4 e 5 estrelas, o número elévase a un total de 27, o que supón que o 34% das organizacións se sitúan no cuartil (un 25%) superior da categoría Bo Goberno.

A sexta entrega do estudo contou co apoio da Xunta de Galicia, Profand, Gadisa, Copasa e Cobre San Rafael. O economista Marcelino Fernández Mallo e o profesor da UDC Fernando de Llano foron os directores técnicos do Atlas, que contou desde o nacemento do proxecto coa colaboración do equipo de Táctica e Estratexia de Comunicación, capitaneado por Virgilio Costas.