Santiago, o perfil máis homoxéneo do Atlas Urbano, destaca en calidade do aire e reciclaxe
A capital galega lidera nalgúns indicadores analizados na cuarta edición do estudo impulsado por Economía Dixital Galicia como a recollida selectiva de residuos e a taxa de reciclaxe, ao tempo que mantén niveis de contaminación atmosférica inferiores á media europea.
Santiago de Compostela. Foto de arquivo: Axencia EFE
Santiago de Compostela emérxese como a cidade galega co desempeño máis equilibrado na cuarta edición do Atlas Urbano da Sostibilidade en Galicia 2025. A capital galega figura entre as mellor posicionadas en ámbitos como a xestión de residuos, a taxa de reciclaxe ou a calidade do aire, configurando un perfil máis homoxéneo que o do resto das grandes urbes da comunidade.
O estudo, impulsado por Economía Dixital Galicia, analiza a economía circular das urbes galegas desde o enfoque do Monitoring Framework for Circular Economy da Comisión Europea, que concibe a xestión das cidades como o proceso metabólico dun organismo vivo, que importa recursos, os transforma mediante procesos internos e xera emisións.
Recollida de residuos
Un dos puntos nos que Santiago lidera é na recollida selectiva de residuos. A cidade recupera 26,6 quilos de envases lixeiros por habitante e 26,3 de papel e cartón situándose como a urbe galega que maior recollida selectiva da comunidade. Esta cifra duplica a de Vigo, onde o cidadán medio achega apenas 11,7 quilos de envases e 14,8 de papel ao circuito. No caso de Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra conforman un grupo intermedio comprendido entre os 13 e os 18 quilos para ambas fraccións. “O cidadán de Santiago separa, materialmente, o dobre de envases lixeiros que o de Vigo”.
Segundo explica o Atlas Urbano, este contraste entre Santiago e Vigo estaría xustificado por tres factores. O primeiro deles é a xeografía xa que “Santiago é unha cidade compacta, con casco histórico peonilizado, centralidades funcionais próximas e unha densidade poboacional que favorece a proximidade ao colector”. No caso de Vigo, o seu carácter de urbe costeira, fragmentada e con orografía abrupta, sumada a un tecido industrial dominante e a dispersión periurbana en parroquias moi autónomas, provocan que se incrementen os custos asociados á separación selectiva.
O segundo dos factores estaría relacionado coa propia composición do residuo. Unha cidade universitaria e administrativa, como é o caso de Santiago, con alta densidade de oficinas, hostalaría e tecido residencial con maior propensión a hábitos ambientais consolidados, xera un residuo doméstico cualitativamente distinto ao dunha cidade industrial-portuaria con forte presenza de poboación obreira e rotación demográfica baixa”.
En último lugar o informe destaca a “cultura cívica”, que no caso de Santiago acumula dúas décadas de campañas municipais sostidas. “O que a fenda indica, antes que calquera outra cousa, é que o resultado en residuos depende máis do deseño do sistema que do volume do orzamento”.
No caso da fracción vidro, o patrón é distinto, con valores entre os 14,6 quilos por habitante de Lugo e os 17,8 de A Coruña, Ferrol e Santiago, a dispersión é sensiblemente menor que no caso do papel e os envases. “As sete cidades móvense nunha franxa estreita de tres quilos, fronte aos máis de catorce que separan as posicións extremas en envases lixeiros”.
Taxa de reciclaxe
Ademais da cantidade de residuos recollidos, Santiago destaca pola cantidade deles que é capaz de valorizar. Así, a taxa de reciclaxe da cidade é do 21,2%, a maior das sete cidades galegas; en segundo lugar sitúase Pontevedra, cun 19,6%.
O grupo formado por Ferrol, Vigo, Lugo e Ourense concéntrase nunha banda estreita de entre o 12,6 e o 13,6% mentres que A Coruña “non publica o dato”. “A distancia que separa ás dúas primeiras do resto (entre seis e nove puntos porcentuais) responde a unha combinación coherente de dotación de infraestrutura, recollida selectiva efectiva por fracción e presenza operativa do circuito de biorresiduos”.
A pesar de que Santiago lidera a taxa de reciclaxe, a cifra queda por debaixo de “calquera umbral europeo razoable”. Así, aínda que avanza a maior ritmo dentro da propia comunidade, “opera por debaixo do umbral de madurez circular comparable aos seus pares europeos”.
Calidade do aire
Outro dos aspectos que analiza o Atlas Urbano da Sostibilidade é a calidade do aire. A contaminación atmosférica mídese como o dióxido de nitróxeno (NO₂), dióxido de xofre (SO₂), partículas en suspensión grosas (PM10) e finas (PM2,5), ozono troposférico (O₃) e monóxido de carbono (CO).
De todos eles, hai dous especialmente relevantes para a saúde pública. O primeiro deles é o dióxido de nitróxeno, que é o gas resultante da combustión a alta temperatura e permite coñecer a cantidade de tráfico que circula por unha determinada zona. O segundo é o das partículas en suspensión finas cun diámetro inferior a 2,5 micras, que poden chegar a atravesar a barreira alveolar e entrar no torrente sanguíneo, provocando patoloxías cardiovasculares, respiratorias e neurolóxicas.
Santiago, Pontevedra e Ferrol presentan uns valores PM2,5 por debaixo da media europea (11,5). Especialmente reducido é en Pontevedra, con 5,1 microgramos por metro cúbico de aire (μg/m³), unha cifra que a sitúa entre as cidades da península ibérica con mellor calidade do aire. No caso de Santiago e Ferrol, con un 6,6 e un 6,1 respectivamente, “seguen no mesmo patrón, aínda que por razóns distintas”. Mentres en Ferrol estaría motivado polo declive demográfico e unha xeografía costeira “ventilada”, en Santiago estaría relacionado coa compacidade urbana e o peso do transporte público.
Contaminación acústica, o punto débil
Un dos contaminantes urbanos cuxos efectos sobre a saúde pública foron máis infravalorados é o da contaminación acústica. A exposición a niveis elevados de ruído urbano, ademais de alterar o sono, pode provocar outros efectos no organismo como o incremento da presión arterial ou o aumento do risco de padecer patoloxías cardiovasculares.
O Atlas Urbano analiza os indicadores de ruído estandarizados pola Directiva Europea 2002/49/CE, norma marco na que se establece, entre outros, o índice Lden, unha medida
sintética que pondera os niveis de ruído ao longo das 24 horas concedendo maior peso aos tramos vespertino (+5 decibelios) e nocturno (+10 decibelios).
Santiago inclúese entre as cidades galegas que superan os valores normativos anuais establecidos pola lexislación vixente para zonas residenciais urbanas. “A superación deses niveis obriga, segundo a lexislación española, a elaborar plans de acción específicos e a realizar a zonificación acústica detallada, instrumentos cuxa execución foi desigual entre as cidades”.
A urbe que rexistra peor dato é Vigo, con 70 decibelios, “que na gradación europea considérase xa ruído alto e asociada a incremento significativo do risco cardiovascular segundo as guías da OMS”.