Actualizado
Pontevedra, Santiago e A Coruña lideran o cumprimento dos ODS en Galicia
A análise do Atlas Urbano da Sostibilidade amosa sete realidades heteroxeneas nas urbes galegas, con tres cidades atlánticas liderando os avances, pero tamén con fortalezas en Lugo e Ourense, como as renovables ou a agricultura ecolóxica

As sete cidades galegas conforman realidades heteroxéneas, pero todas elas presentan avances no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). É unha das conclusións ás que chega o Atlas Urbano da Sostibilidade en Galicia, que o pasado xoves se presentou en sociedade en casa RIA, a nova sede compostelá da Fundación RIA, e que ve fortalezas e debilidades nas sete urbes. A análise dos datos recolleitos nas dúas edicións do estudo que impulsa Economía Dixital Galicia revela, en liñas xerais, un progreso de todas as cidades nas metas marcadas por Nacións Unidas, aínda que cada unha faio coas súas particularidades, sen destacar sempre nos mesmos parámetros analizados, máis de 600 no último traballo. Isto pon en evidencia a complementariedade no desenvolvemento de cada municipio e abre a posibilidade dunha estratexia de cooperación entre eles para fortalecerse mutuamente naquelas áreas onde presentan peores datos.
Pontevedra e Santiago, dúas cidades do eixo atlántico con menor poboación que A Coruña e Vigo pero situadas preto das maiores urbes de Galicia, son as que obteñen unha maior puntuación no cumprimento dos ODS, cunha puntuación global de 56,55 puntos e 56,30 puntos, respectivamente. Séguelles a propia cidade herculina, con 50,62 puntos, converténdose na terceira que alcanza o aprobada, pois as outras catro quedarían por baixo dos 50 puntos.
O Atlas de Economía Dixital Galicia, coordinado polo sociólogo Xosé Gabriel Vázquez, elabora esta clasificación seleccionando datos que estean dispoñibles para polo menos o 70% das cidades e normalizándoos en base ao rango de valores mínimo e máximo obtidos en cada parámetro. Desta maneira, convértense os valores orixinais a un índice composto, unha escala común de 0 a 100 que facilita a interpretación e comparación: se están preto do 0 reflicten un baixo rendemento na área analizada e se están próximos a 100 un alto cumprimento do obxectivo.
Santiago e Pontevedra reivindícanse
Dentro da forte diversidade entre as cidades galegas, o Atlas Urbano da Sostibilidade recoñece certos paralelismos entre as fortalezas e os retos que afrontan Santiago e Pontevedra, do mesmo xeito que sucede cos municipios máis poboados, A Coruña e Vigo, ou as denominadas cidades de interior, Ourense e Lugo.
Pontevedra é a que máis destaca no cumprimento dos ODS, cunha elevada puntuación nos compromisos con proxectos de cooperación (ODS 17), a acción climática (ODS 13) e a protección dos ecosistemas terrestres (ODS 15), mentres que a capital galega sobresae en educación (ODS 4), enerxía (ODS 7) e reciclaxe (ODS 12). O estudo destaca de Santiago que o 28,44% da poboación dispón de estudos universitarios, liderando a clasificación galega, como tamén o fai en reciclaxe de papel e cartón, xunto á propia Pontevedra, ou na poboación en situación de pobreza, pois presenta o dato máis baixo xunto a Vigo.
A cidade do Lérez ten unha alta calidade da auga e un forte compromiso cos proxectos de cooperación, aínda que destaca sobre todo por lograr unha puntuación por encima da media en case todos os parámetros analizados. Ese equilibrio é o que lle permite liderar a carreira do desenvolvemento sostible, mostrando debilidades soamente en igualdade de xénero, debido ás brechas salariais e á baixa representación feminina en cargos municipais; e no ámbito enerxético, onde debe mellorar a eficiencia e a accesibilidade.
A Coruña e Vigo, baixa pobreza e boa saúde
As dúas cidades máis poboadas presentan fortes contrastes, presentando evidentes fortalezas, que as fan liderar a clasificación nalgúns parámetros combinadas con áreas nas que queda moito camiño por percorrer. A Coruña e Vigo son especialmente eficientes en loita contra a pobreza (ODS 1), acción climática (ODS 13) ou acceso á auga (ODS 6).
A cidade herculina lidera ás cidades galegas no uso de transporte sostible e está entre as mellores na atención aos sectores sociais máis vulnerables ou na demanda de enerxía residencial. A pesar de obter unha mellor puntuación global que Vigo, é a terceira urbe que alcanza o aprobado, chama a atención o mal resultado obtido no índice GINI, que avalía a distribución dos ingresos. A cidade olívica, con todo, presenta o mellor resultado nesta área.
Vigo tamén destaca polo baixo volume de poboación en risco de pobreza e pola presenza de empresas industriais. Esta actividade industrial, que sempre conleva externalidades negativas, coincide cunha puntuación que acariña o aprobado, o que aínda que deixa marxe de mellora, tamén fala dos avances na integración entre a calidade de vida e o modelo económico.
Ourense, Lugo e Ferrol
Nas tres cidades que obteñen puntuacións máis baixas o estudo detecta desafíos importantes no ámbito económico. Por exemplo, Ferrol presenta fortes desigualdades en renda e unha alta brecha salarial, mentres que Lugo ten peores datos en relación á poboación en risco de pobreza e Ourense baixos niveis de ingresos.
A Cidade das Burgas, a pesar diso, logra situarse no quinto posto da clasificación, destacando no uso de enerxía renovable ou no elevado investimento en educación. A capital lucense está entre as mellores en agricultura ecolóxica e igualdade de xénero na Galicia urbana, mostrando ademais un forte compromiso investidor en servizos sociais. Ferrol, pola súa banda, dedica un importante esforzo á educación, que lle permite destacar tanto no número de centros non universitarios como polas facilidades de acceso á educación infantil.
Desafíos comúns
Aínda que existen algunhas particularidades galegas, os resultados do Atlas Urbano da Sostibilidade reflicten tendencias e retos comúns a nivel español e europeo, segundo destaca o coordinador do proxecto, Xosé Gabriel Vázquez, ao analizar estudos similares que se realizaron en España e na UE. «O camiño cara ao cumprimento dos ODS é complexo e require dun esforzo conxunto e coordinado. De aí a importancia de compartir experiencias, mellores prácticas e enfoques colaborativos entre cidades para avanzar de maneira máis efectiva cara ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible», salienta o sociólogo.
A diversidade dos resultados entre urbes reforza esta tese, xa que «a colaboración entre cidades galegas pode facilitar a aprendizaxe mutua e acelerar o progreso, aproveitando as fortalezas específicas de cada unha para superar as súas limitacións».
En liñas xerais, o estudo destaca a calidade da auga, a esperanza de vida, o saneamento e a calidade da subministración eléctrica como fortalezas das cidades galegas, mentres que presenta a desigualdade salarial, o emprego xuvenil e o uso do transporte público como grandes desafíos.