A Xunta leva o Goberno aos tribunais por negarlle información sobre o expediente de Bruxelas pola AP-9
O presidente galego, Alfonso Rueda, anunciou que recorrerá á Audiencia Nacional ante a "negativa" do Goberno de Pedro Sánchez a ofrecerlle acceso ás alegacións presentadas ante Bruxelas polo expediente aberto polas prórrogas da AP-9.
Imagen de archivo de uno de los tramos de la AP-9
Novo fronte xudicial entre a Xunta de Galicia e o Goberno central. Desta vez, a conta do expediente aberto por Bruxelas pola prórroga da AP-9.
O presidente galego, Alfonso Rueda, anunciou na rolda de prensa posterior á celebración do Consello semanal do Executivo galego que recorrerá á Audiencia Nacional (AN) ante a “negativa” do Goberno central a darlle información en relación ao proceso aberto en Bruxelas pola prórroga da AP-9.
Alfonso Rueda lembrou que Bruxelas non só cuestiona o cumprimento da normativa comunitaria, senón que a Comisión Europea advertiu que España podería ser levada ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea se non adopta medidas.
Nesta liña, o mandatario galego precisou que o seu Executivo lle pediu de forma reiterada ter acceso ás alegacións estatais a este proceso sobre unha prórroga autorizada na súa día por un Executivo estatal liderado entón polo popular José María Aznar, ao entender que se trata dun “asunto de máximo interese” para a comunidade.
Ante a “negativa” estatal a facilitarlle estes datos, o presidente galego ratificou que á Xunta non lle queda “outro remedio” que actuar pola vía xudicial.
É por iso que presentará un recurso na Audiencia Nacional para tratar de que se “obrigue” ao Executivo que dirixe Pedro Sánchez a trasladar ao Goberno autonómico os detalles que demanda. “Lamentamos que teña que ser así”, rematou.