Campo Andión despídese do Instituto Galego de Estatística despois de 30 anos á fronte

O DOG publica o cesamento de José Antonio Campo Andión á fronte do IGE; asumirá a dirección Juan Carlos Reboredo tras a reestruturación realizada pola Xunta neste organismo ao pasar de depender da Consellería de Facenda á de Presidencia, e máis en concreto, á Oficina de Coordinación Económica

José Antonio Campo Andión y Juan Carlos Reboredo

José Antonio Campo Andión y Juan Carlos Reboredo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o cesamento de José Antonio Campo Andión (Castro de Rei, Lugo, 1950) ao fronte do Instituto Galego de Estatística (IGE), cargo no que estivo durante 30 anos en dúas etapas.

Este relevo forma parte da reestruturación realizada pola Xunta neste organismo ao pasar de depender da Consellería de Facenda á de Presidencia, de modo que o director da Oficina Económica, o catedrático de Economía da USC Juan Carlos Reboredo, asumirá a dirección do IGE.

O Goberno galego explicou esta modificación na estrutura orgánica para “facilitar a toma de decisións” con datos, de modo que o IGE pasa a estar adscrito á Oficina Económica, pertencente á Presidencia. Ademais, licitarase un contrato para que as empresas tecnolóxicas poidan ofrecer os seus servizos para centralizar, xestionar e explotar os distintos datos que están á disposición da Xunta.

Sen embargo, a oposición criticou estes movementos que ven ligados á enquisa sobre a situación do idioma galego que publicou o IGE o pasado outubro. O BNG denunciou unha “privatización” do servizo público de xestión de datos para poñelo en mans de empresas externas, ao tempo que cre que se busca incrementar o “control político”.

O feito é que o propio secretario xeral da Lingua, Valentín García, mostrou as súas dúbidas en sede parlamentaria respecto ao dato do IGE que apunta que os menores entre 5 e 14 anos empregan entre “pouco ou nada” o galego. “É o dato menos consistente” e hai que collelo “con moita cautela”, asegurou.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes o cesamento de Campo Andión, unha decisión tomada no Consello da Xunta do pasado 23 de xuño –aínda que non se incluía no resumo de asuntos feitos públicos o luns–. A resolución, asinada polo conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, agradece “os servizos prestados” no cargo.

Dúas etapas

Licenciado en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), Campo Andión púxose ao fronte do IGE en 1991 –este organismo foi creado en 1988– da man de Manuel Fraga como presidente da Xunta e José Antonio Orza como conselleiro de Economía, un cargo no que estivo ata a chegada do bipartito (PSdeG-BNG) en 2005.

Tras exercer como xefe de área do INE de Estatísticas de Transporte (setembro-novembro 2005) e unha etapa de asesor do Partido Popular (2005-2009), Alberto Núñez Feijóo volveu contar con Campo Andión para dirixir o instituto estatístico en 2009, cargo no que continuaba ata a actualidade.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta