A Xunta xustifica o seu rexeitamento ao traspaso da AP-9 polo medo a ter que indemnizar a Audasa
Asegura que o texto que respaldaron BNG e PSOE podería obrigar o Goberno galego a compensar a Audasa se Bruxelas anula a concesión.
A conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda / Xunta
A Xunta quere o traspaso da AP-9, pero non nos termos que propoñen PSOE, Sumar e BNG, que a pasada semana lograron sacar adiante unha proposta de transferencia a pesar do rexeitamento de dous grupos: o PP e Vox. O texto, apoiado tamén por Bildu, ERC e Junts, pasará á comisión de Transportes e será despois votado polo Congreso, pero non convence en San Caetano, que ten dúbidas sobre as implicacións legais que suporá para o Goberno galego.
Así o explicou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que pediu que se retomase o texto acordado no Parlamento galego. “Queremos a transferencia da AP-9, pero non nestas condicións”, dixo nunha entrevista concedida a Cadena SER. A conselleira asegurou que o texto “desvirtúa e rompe” o pacto unánime do Parlamento de Galicia e pretende que “os galegos sufraguen uns custos que lle corresponden ao Goberno central”.
Esta foi unha das razóns que esgrimiu o PP para explicar o seu voto coa extrema dereita en contra da proposta de transferencia, a ausencia dos fondos necesarios para avanzar nas rebaixas de peaxe ou a eliminación da suba de tarifas do 1% adicional anual para pagar as obras de ampliación da vía.
A intervención de Bruxelas
Con todo, hai outro factor adicional que preocupa na Xunta. Allegue considera que hai na proposta de traspaso unha “cláusula trampa” naquela que recolle que o Estado terá que asumir as consecuencias das decisións tomadas antes da transferencia. Neste sentido, cre que, se Bruxelas declarase nula a concesión e houbese que indemnizar a Audasa, este escenario quedaría fóra desta condición: “A resolución non emanaría do Goberno central, senón dun ditame da Unión Europea e, polo tanto, non entraría dentro dese artigo”, asegurou.
A conselleira emplazou ao BNG e ao PSdeG a que, se “consideran que están a dicir o mesmo”, teñen que “deixar o texto tal e como foi aprobado” no Parlamento galego. Neste sentido, asegurou que o Goberno galego “non entende” por que ambas forzas “se afastan e rompen o acordo” emendándoo, o que, ao seu xuízo, suporá “lastar economicamente” á comunidade.