Actualizado
Lorenzana anima ás empresas galegas a sumarse á auditoría enerxética de Recursos de Galicia.
A sociedade 'utility' da Xunta recolle datos para coñecer o recurso renovable do entorno, as infraestruturas enerxéticas dispoñibles e os patróns de consumo das empresas para despois emitir un informe enerxético personalizado ás compañías que participen con propostas de mellora e unha estimación de aforros.
María Jesús Lorenzana, conselleira de Economía, na súa visita ao parque empresarial Lalín 2000 nas instalacións de Inasus. Xunta
María Jesús Lorenzana, conselleira de Economía, convidou ás empresas a participar na auditoría enerxética que Recursos de Galicia (RDG), en colaboración tamén coa Consellería do Mar, está a realizar en polígonos e portos galegos para poder implantar solucións que permitan descarbonizar a actividade industrial e reducir a factura eléctrica.
A conselleira visitou este venres no parque empresarial Lalín 2000 as instalacións de Inasus, unha das empresas que participa nesta iniciativa pioneira en España que se vai desenvolver en 315 polígonos e portos de Galicia (193 parques empresariais e 122 peiraos autonómicos).
Segundo apuntou explicou, por agora os traballos están na fase de recollida de datos para coñecer o recurso renovable do entorno, as infraestruturas enerxéticas dispoñibles (redes de distribución e transporte, subestacións,…) e os patróns de consumo das empresas asentadas. Aquelas que faciliten os seus datos para a análise recibirán un informe enerxético personalizado coas correspondentes propostas de mellora e cunha estimación de aforros e comparativa sectorial.
O obxectivo é ofrecer solucións adaptadas a cada polígono: proxectos de autoconsumo, sistemas de almacenamento, para a mellora da eficiencia nos procesos industriais e, tamén, no ámbito da mobilidade.
“Temos que traballar por apoiar as empresas na descarbonización, na electrificación e na baixada das facturas”, asegurou Lorenzana, quen enmarcou esta iniciativa na estratexia económica da Xunta, que vincula a enerxía ao desenvolvemento industrial.