Pontón aposta por un BNG, “sen ningunha condena por corrupción”, para ser “casa común” de todos os galegos
Os nacionalistas celebraron en Compostela o seu tradicional Día da Patria Galega, nun acto multitudinario no que a líder do Bloque volveu evidenciar o rexeitamento ao proxecto de Altri.

La portavoz nacional del BNG, Ana Pontón, durante una manifestación convocada por el BNG con motivo del Día da Patria Galega, a 25 de julio de 2025, en Santiago de Compostela. Foto: César Arxina / Europa Press
O Bloque mostrou forza o 25 de xullo e fixoo pensando tamén en clave electoral. A voceira do BNG, Ana Pontón, animou aos nacionalistas a acoller cada día a máis persoas que levan a Galicia “na cabeza e no corazón”, para o cal apelou a “abrir de par en par” as portas da organización co obxectivo de ser “a casa común” de todos os galegos.
“Cando penso no Día da Patria penso nun vínculo, nun lateixo compartido por quen estiveron antes, por quen estamos agora e polos que virán despois. Porque a patria tamén é o que construímos cada día. Esta patria vale a pena defendela porque, queiran ou non, Galicia é unha nación”, iniciou Pontón a súa intervención desde o escenario instalado nunha abarrotada Praza da Quintana, onde un ano máis concluíu a manifestación convocada polos nacionalistas que comezaba pasadas as 12.00 horas da Alameda compostelá.
Mirada a Gaza
Baixo o lema ‘Galiza Sempre! Unha nación en marcha pola súa soberanía’, acompañada de representantes de outras formacións como Teresa Rodríguez, de Adiante Andalucía, ou Eduard Pujol, de Junts per Catalunya, entre outros, a líder do Bloque denunciou o “escuro futuro” ao que, na súa opinión, apuntan os dirixentes europeos co “apoio entusiasta do bipartidismo parasitario”.
Así, comezou co foco no ámbito internacional, mencionando o “imperialismo yanqui” con “Trump e a súa oligarquía mostrando a súa vontade de someter ao mundo aos seus intereses”. “Para Estados Unidos non existen amigos, só existen estados vasallos aos que exprimir económica ou territorialmente”, afirmou.
Nesta liña, sinalou a “barra libre de barbarie” de Israel para “bombardear, aniquilar e matar de sede e fame” ao pobo palestino. “Iso ten un nome”, subliñou Pontón, “chámase xenocidio e hai que dicilo: Israel é un estado xenocida“.
Ademais, Ana Pontón reprochou á Unión Europea que “mire para outro lado” mentres isto sucede e censurou que falen de “solidariedade defensiva” ao mesmo tempo que “sacrifican o gasto en sanidade, educación ou as pensións”.
“Se queren ter credibilidade que comecen por dicirlle a Trump que non queremos nin as súas bases nin a súa OTAN”, insistiu a líder do Bloque, que animou a “rebelarse contra este escuro futuro” coa “alternativa dos pobos e nacións de Europa”.
“A coroa, o PP e o PSOE”
A continuación, fixo referencia á “crispación, as cloacas” e a “sempiterna corrupción” en España coa “triada sobre a que se sostén o réxime: a coroa, o PP e o PSOE”. “Nunca falla, sempre metidos de cheo na corrupción”, afirmou antes de sinalar que “todos están atados ao colar do mesmo amo, as grandes corporacións que se enriquecen grazas a esa corrupción endémica”.