A receita da Xunta para facer fronte á seca: máis encoros e avanzar no estudo das augas subterráneas
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, asegura que o seu departamento está a traballar "man a man" cos concellos "con auditorías e cambiando a rede", algo que considera "fundamental" para que non haxa "tantas perdas" de auga.
Arquivo – Encoro de Eiras entre Fornelos de Montes e Ponte Caldelas, a 8 de xullo de 2026, en Pontevedra, Galicia (España). – Adrián Irago – Europa Press – Arquivo
A Xunta propón construír máis encoros, aínda que sen “encher Galicia”, e seguir avanzando no estudo das augas subterráneas dentro do contexto actual de seca, no que 32 concellos galegos están en estado de alerta.
Así o apuntou este xoves a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, ante os medios nunha visita á praia de Bastiagueiro, en Oleiros. “Nalgún sitio temos que encorar a auga para despois tirar dela. Iso non quere dicir que haxa que encher Galicia de encoros, tampouco quere dicir que teñamos que poñer grandes depósitos en todos os sitios. Pero si se necesitan máis depósitos”.
Esta idea enlouna tras asegurar que, ao tratar esta cuestión, “moitas veces” son aqueles que “sempre son os do ‘non’ polo ‘non'” os que poñen “o berro no ceo”, unha expresión que os políticos do PPdeG adoitan utilizar para referirse ao BNG, principal partido da oposición.
Tamén explicou que, a pesar da cantidade de auga que deixaron as choivas do inverno, Galicia enfrontou a primavera e o verán “máis secos” da súa historia. “Os nosos ríos son moi curtos. Se non temos grandes encoros, ao final a auga acaba no mar”, xustificou.
Neste sentido, asegurou que o seu departamento está a traballar “man a man” cos concellos “con auditorías e cambiando a rede”, algo que considera “fundamental” para que non haxa “tantas perdas” de auga. Non obstante, insistiu, “iso non quere dicir que non haxa evaporación, que non se multiplique a poboación ou que as empresas sigan tirando moito”.
Estudo de augas subterráneas
Ademais de abogar por “máis” encoros, Vázquez propuxo seguir avanzando no estudo das augas subterráneas como proposta como método de abastecemento de auga. Aínda que di ser coñecedora de que “non van dar” para abastecer unha poboación “tan ampla” como Oleiros, si considera que pode funcionar para parroquias ou aldeas.
“Por iso, todos temos que concienciarnos. Levamos moito tempo dicindo que a auga é limitada, limitada como calquera outro ámbito que teña un concepto natural”, resumiu.