Actualizado
Rueda releva a tres altos cargos de Medio Rural tras a onda de incendios.
Deixan a Consellería que dirixe María José Gómez o secretario xeral, o director de Planificación Forestal e o director xeral de Defensa do Monte, que tiña entre as súas competencias a loita contra o lume.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda
Volco na Consellería de Medio Rural despois de que este verán Galicia sufrira a peor onda de incendios do século. Alfonso Rueda decretou o cese de tres altos cargos do departamento que dirixe María José Gómez nunha batería de cambios que afectou especialmente a esta Consellería, pero que se estendeu tamén á Amtega, á dirección xeral de Pesca e á secretaría xeral para o Deporte, dependente do gabinete de Diego Calvo.
En Medio Rural, que recibiu fortes críticas da oposición durante a onda de incendios do verán, cesan Jorge Atán, secretario xeral técnico, quen será substituído por Marta Forés Lojo. Manuel Rodríguez, ata agora director xeral da Defensa do Monte, “un posto especialmente complicado especialmente nestes últimos meses”, en palabras do propio Rueda, tamén cesa. Substitúeo Manuel Francisco Gutiérrez. José Luis Chan, o que era responsable de Planificación e Ordenación Forestal, deixa o seu cargo en mans de Luisa Piñeiro, a que fora alcaldesa de Moraña e delegada territorial da Xunta en Pontevedra, e quen desde 2023 exercía como xerente de Seaga.
Máis cambios
Tamén cesa “a petición propia” un veterano de San Caetano: o ata agora secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa. Rueda agradeceu os servizos prestados “durante tantísimos anos” –máis de 16, en varias etapas– antes de avanzar que será substituído por Roberto García. O xefe do Executivo tamén informou do cese de Julián Cerviño, responsable da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que será substituído por Damián Rey.
Finalmente, Cándido Rial cesa como director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e será relevado por Isaac Rosón Sánchez-Brunete.