A Xunta lanzará tres novas aceleradoras de empresas en biotecnoloxía, saúde e enerxía
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, di que o obxectivo é impulsar arredor de 60 novos proxectos entre 2026 e 2028.
Covadonga Toga, directora do Igape, nunha presentación da Business Factory Food / Xunta
A Xunta porá en marcha tres novas aceleradoras empresariais no ámbito da biotecnoloxía, enerxía e saúde, sectores que o Goberno galego considera “estratéxicos”. O obxectivo das novas Business Factory será impulsar arredor de 70 novos proxectos ata 2028, segundo avanzou Alfonso Rueda tras a reunión do Consello da Xunta, na que se presentou un informe do Igape en defensa da rede de aceleradoras que comezou a tecerse en Galicia en 2016.
Segundo o estudo, as Business Factory impulsaron 375 startups e proxectos innovadores, cunha taxa de supervivencia empresarial do 95%, moi superior á media habitual do emprendemento, e contribuíron á xeración de máis de 1.400 empregos cualificados. Ademais, están a contribuír a consolidar un ecosistema emprendedor máis sólido, competitivo e conectado coa industria e a xeración de novas capacidades tecnolóxicas e industriais en sectores estratéxicos para Galicia.
Estratexia de innovación
As novas aceleradoras denominaranse Business Factory BioTrack (BF BioTrack), centrada no sector biotecnolóxico; Business Factory Energy (BFE), especializada en enerxías renovables; e Business Factory Health&Care (BFHC), orientada aos ámbitos sanitario e sociosanitario. Enmárcanse na primeira Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia 2026-2028, que, unha vez posta en marcha, mobilizará máis de 400 millóns para atraer talento e proxectos tractores, crear espazos de experimentación, activar innovación e incorporar ao tecido produtivo máis tradicional os novos avances tecnolóxicos como a IA.
As novas BF nacen co obxectivo de acelerar empresas con alto potencial de crecemento en ámbitos chamados a desempeñar un papel clave na transformación económica, tecnolóxica e industrial de Galicia nos próximos anos:
A BF BioTrack estará enfocada ás ciencias da vida, biotecnoloxía, bioindustria e tecnoloxías aplicadas á saúde e ao sector agroalimentario, impulsando proxectos con alto compoñente científico e capacidade de transferencia ao mercado, reforzando o posicionamento de Galicia como ecosistema emerxente en enxeñaría avanzada.
Por outra banda, BF Health&Care centrarase en proxectos innovadores relacionados coa saúde dixital, as tecnoloxías médicas, os coidados avanzados e a atención sociosanitaria, contribuíndo á modernización do ecosistema sanitario galego e á creación de solucións innovadoras orientadas á mellora da calidade de vida das persoas.
No ámbito enerxético, BF Energy impulsará iniciativas vinculadas ás enerxías renovables, á transición enerxética, ao almacenamento, á eficiencia enerxética e ás tecnoloxías industriais sostibles. O seu obxectivo é favorecer a conexión das startups co tecido industrial e coa cadea de valor enerxética galega.
Mobilizar 14 millóns
As tres aceleradoras desenvolveranse en colaboración cos principais clústeres sectoriais galegos —Bioga, Clúster Saúde de Galicia, Asime e Cluergal— e contarán tamén coa participación de XesGalicia, reforzando un modelo de colaboración público-privada orientado a acelerar empresas innovadoras, captar talento e conectar o emprendemento cos grandes retos industriais de Galicia.
Para a posta en marcha destas tres novas aceleradoras mobilizaranse ata 14 millóns de euros “entre o que aporte a Xunta de Galicia e o que aporten os proxectos privados”: o Igape destinará máis de 5 millóns para gastos de xestión, coordinación, asesoramento e formación dos programas; os clústeres colaboradores achegarán conxuntamente arredor de 850.000 euros; e, de xeito complementario, XesGalicia poderá apoiar financeiramente os proxectos seleccionados que superen o correspondente proceso de análise de investimentos. Este apoio financeiro poderá ir desde 50.000 ata 250.000 euros por proxecto, en función da fase de desenvolvemento na que se atope cada iniciativa empresarial, cunha capacidade máxima de investimento de ata 8 millóns de euros.
A lista de aceleradoras
Coa incorporación destas novas iniciativas, Galicia reforza unha rede pioneira de Business Factory impulsada pola Xunta que xa integra sete aceleradoras xa consolidadas como BFAuto, BFAero, BFFood, BFClimaTech, BFSport, ViaGalicia e Galicia Avanza.
Segundo o informe Empresas Tech e Innovadoras de Galicia 2026, a Comunidade conta na actualidade con 534 empresas tecnolóxicas e innovadoras (264 startups, 29 scaleups e 229 pemes), máis de 5.700 empregos xerados e unha facturación superior aos 556 millóns de euros anuais.