Lorenzana presenta en Madrid as startups da aceleradora BFAero ante 18 fondos de investimento
Asistiron á presentación, a primeira deste tipo que celebra a Xunta, fondos como Nazca, Mundi Ventures, Backfund Ventures, K-Fund ou HWK Techinvestment.
A Consellería de Economía impulsou un encontro entre as startups respaldadas polo programa de aceleradoras da Xunta, neste caso as vinculadas ao sector de defensa e aeroespacial de BFAero, e fondos de investimento. A reunión entre proxectos empresariais en crecemento e capital privado celebrouse este martes na sede da Oficina Económica de Galicia en Madrid e supón un fito para o Goberno galego, pois é a primeira deste tipo que realiza no marco das Business Factory, un programa que naceu en 2016 e que deu apoio a 375 startups e proxectos innovadores.
Entre as startups participantes na sétima edición da aceleradora BFAero e en convocatorias anteriores, acudiron Kreios, Aguia e Vig-Sec Drone, que puideron presentar os seus proxectos ante 18 fondos de capital risco. Alí estiveron firmas como Nazca, Mundi Ventures, Backfund Ventures, K-Fund ou HWK Techinvestment. Tamén Indra ou o Santander. Con algunhas destas xestoras, caso de Mundi ou K-Fund, colabora a propia Xunta a través de Xesgalicia.
Máis aló do desenvolvemento das startups, a convocatoria expresa para o Goberno galego un crecente interese polo ecosistema innovador no sector aeroespacial da comunidade.
“Necesitamos investimento privado”
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada da directora do Instituto Económico de Galicia (Igape), Covadonga Toca, foi a encargada de clausurar a xornada, que, segundo afirmou, dá a estas startups unha oportunidade de conectar con fondos de investimento, o que é “crucial” porque “lles garante unha viabilidade financeira e acelera o seu crecemento no mercado”. “Esta é unha das principais preocupacións que temos como Goberno: detectamos e acompañamos moitos proxectos innovadores, pero eses proxectos necesitan consolidarse no mercado e ir crecendo. E iso non podemos conseguilo só co Igape ou con Xesgalicia, necesitamos o investimento privado. Polo tanto, é fundamental que poidamos utilizar a nosa Oficina Económica como escaparate de todo o que se fai en Galicia para atraer ese investimento”, dixo.
Lorenzana precisou que “do labor que faga un Goberno depende en gran medida que se poida ir consolidando un sistema emprendedor innovador”. E así, ademais do acompañamento financeiro, mencionou que, no ámbito do sector aeroespacial, Galicia comezou un sistema de compra pública innovadora no que é pioneira en España e que, xunto coa BFAero, fixo que se consolide un ecosistema punteiro a nivel nacional e europeo que nos próximos anos “pode darnos grandes alegrías”, manifestou.
Estratexia de Defensa e Aeroespazo
A conselleira destacou que a BFAero forma parte da Estratexia de Defensa, Seguridade e Aeroespazo, que pretende mobilizar máis de 900 millóns de euros de cara a 2030. Inclúe, dixo, instrumentos de apoio como a liña de axudas para certificacións; para tecnoloxías duales -aberta ata o próximo 4 de setembro cun orzamento de 6 millóns de euros-; e os acordos marco de compra pública de innovación, que se van presentar agora cunha novidade “importantísima” porque o que se vai priorizar é “que eses consorcios traian o seu proxecto de innovación á comunidade e deixen ese valor engadido da industria e da fabricación en Galicia”, avanzou a conselleira.
Desde a súa posta en marcha en 2019, a BFAero apoiou 49 proxectos empresariais (galegos, doutros puntos de España e mesmo internacionais), dos cales 15 son empresas de nova creación que xeraron máis de 310 empregos cualificados, 28,6 millóns de euros en volume de negocio e que realizaron investimentos por valor de 16 millóns de euros. Só os proxectos da 5.ª e a 6.ª edición captaron máis de 14 millóns de euros de financiación pública e privada, o que demostra a capacidade deste programa para transformar tecnoloxías estratéxicas en compañías con atractivo para a inversión.