A Xustiza avala o cerco do Concello de Santiago aos pisos turísticos
O TSXG desestimou o recurso presentado pola Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia contra a modificación do PXOM que prohibía a instalación de pisos deste tipo na zona vella e nas rúas próximas.
Goretti Sanmartín e Míriam Louzao
Espaldarazo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia á ofensiva do Concello de Santiago contra os pisos turísticos. O TSXG deu a razón ao Goberno local no procedemento contencioso contra a aprobación definitiva da modificación do título 3 do PXOM para a regulación de usos turísticos, promovido por Aviturga (Asociación de Viviendas Turísticas de Galicia).
A entidade acudiu aos tribunais despois de que o Concello de Santiago aprobase en febreiro de 2023 unha modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para prohibir a instalación de pisos turísticos na zona vella e rúas próximas. Ademais, establecía limitacións en barrios como o Ensanche.
A portavoz do Goberno local, Míriam Louzao, lembrou que Aviturga presentou un recurso ese mesmo ano, admitido polo TSXG, fundamentándoo na falta de informes da Dirección General de Aviación Civil (DGAC) e da Delegación do Goberno. A entidade referíase á ausencia de motivación para definir a actividade de vivenda de uso turístico como actividade de hospedaxe considerando unha intromisión en competencias autonómicas.
A Sala rexeitou todos estes fundamentos e resolveu que eses informes non eran preceptivos porque a modificación do PXOM non altera as determinacións do plan vixente en materia aeronáutica nin tampouco queda aclarado en que podería afectar a falta do informe da delegación do Goberno.
Con todo, concluíu que a correspondencia das vivendas de uso turístico co uso de hospedaxe é a adecuada e está de acordo coa normativa. Agora, finalizado o prazo para presentar un posible recurso de casación, a sentenza foi xa declarada firme mediante un decreto con data do 25 de xuño.