Santiago penalizará aos propietarios con vivendas baleiras cun recargo de ata o 150% no IBI.
O Concello aprobou unha modificación das ordenanzas reguladoras de ingresos públicos que inclúe a aplicación dun recargo de entre o 50 e o 150% no imposto de bens inmobles en vivendas que estean desocupadas durante dous ou máis anos cuxos propietarios sexan titulares de catro ou máis inmobles.

Pleno municipal celebrado en Santiago de Compostela. EUROPA PRESS
O Concello de Santiago deu o visto bo á aplicación dun recargo de entre o 50 e o 150% no imposto de bens inmobles (IBI) a vivendas desocupadas, sempre que cumpran determinadas condicións. O consistorio aprobou unha modificación das ordenanzas reguladoras de ingresos públicos co voto a favor dos membros do Executivo local (BNG e Compostela Aberta), PSOE e edís non adscritas.
Dito recargo aplicarase nos casos en que as vivendas estean desocupadas durante dous ou máis anos e cuxos propietarios sexan titulares de catro ou máis inmobles. Para poder aplicar este recargo, o Concello terá que elaborar un censo das vivendas deshabitadas de xeito permanente en Santiago, que elaborará tendo en conta indicios de consumo e do padrón.
A modificación aprobada tamén inclúe outras medidas, como novas bonificacións ás vivendas de promoción pública, unha das categorías de vivenda protexida.
Apoios á votación
En representación das edís non adscritas, Mercedes Rosón trasladou o seu acordo con medidas a favor da solución da cuestión da vivenda e a mobilización do parque de vivendas desocupadas.
Con todo, puxo en dúbida o alcance “real” da medida, que prognosticou que será “limitado” e “sen efectos inmediatos” baseándose na limitación das competencias municipais neste ámbito. “Hai que ser conscientes de que as competencias en materia de vivenda é a Xunta de Galicia e, por tanto, calquera competencia local será limitada”, apuntou.
Pola súa banda, a edil socialista Marta Abal refrendou, na súa intervención, o apoio da súa formación ás modificacións presentadas e cualificou como “interesantes” aquelas referentes ao ámbito urbanístico.
Neste senso, introduciu un matiz: “Estamos de acordo coa idea, non coas formas. Hai unha falta de diagnóstico da vivenda baleira en Santiago para poder acoutar a realidade”. Por iso, o PSOE presentou unha proposición dun censo de vivendas baleiras, que o pleno tratará máis adiante.
A rexeitamento do PP
Por outra banda, o portavoz popular, Borja Verea, considerou que o “debate político” desta modificación está, precisamente, na imposición ás vivendas desocupadas, mentres que ve o resto das modificacións son apreciacións técnicas, nas que o PP non pon ningunha obxección.
Si as pon no recargo a inmobles desocupados, polo que os seus 11 concelleiros votaron en contra dela. Verea defendeu un modelo baseado en “incentivar, promocionar e bonificar”, contrario ao de “castigar e subir impostos”, que, nas súas palabras, representa o do goberno local. Así, trouxo ao pleno propostas como a baixada de impostos a quen alugue a súa vivenda.