A alianza entre MasOrange e Ericsson impulsa o 5G avanzado de R e optimiza a súa rede
Imaxe de arquivo da sede de R Cable na Coruña
O acordo estratéxico que o grupo MasOrange asinou coa multinacional sueca Ericsson para desenvolver unha plataforma unificada para todas as súas marcas impulsará os servizos 5G do operador galego R.
Segundo explican desde o grupo nun comunicado, o novo Core de Datos 5G SA “impulsará solucións de última xeración de realidade aumentada, videoconferencias inmersivas, servizos IoT avanzados, ‘slicing’ (división en múltiples redes virtuais independentes para optimizar recursos garantindo a calidade do servizo) ou conectividade crítica para a industria 4.0”.
Con este acordo culmina a integración tecnolóxica tras a fusión entre Orange e MasMovil para formar o grupo MasOrange, consolidándose como unha das plataformas “máis avanzadas, eficientes e robustas de Europa para ofrecer a mellor experiencia aos seus usuarios”.
“MasOrange consolida a súa lideranza como o operador europeo máis innovador e emprende o camiño cara a redes cada vez máis autónomas e seguras, apoiadas en automatización, analítica avanzada e funcións nativas na nube”, destacan desde o grupo.

Novos servizos para os clientes de R e o resto de marcas de MasOrange
O novo Core habilita servizos avanzados diferenciais, abrindo novas vías de xeración de ingresos en sectores como industria, automoción, loxística, administracións públicas e entretemento dixital.
“Será unha plataforma de crecemento moi relevante para clientes/as residenciais e, especialmente, para empresas e administracións públicas xa que permitirá lanzar servizos 5G SA con capacidades de rede avanzadas e desenvolver servizos e novos modelos de negocio empresariais e industriais que axudarán ás empresas a aumentar a súa produtividade e eficiencia”.
Entre os novos servizos que poderán gozar tanto os clientes de R como do resto de marcas de MasOrange inclúense
- Unha rede máis estable e de maior calidade: baixa latencia, maior fiabilidade, gran adaptación do rendemento ás necesidades específicas de cada servizo e máis estabilidade (actuacións máis rápidas ante calquera eventualidade na rede).
- Novos servizos 5G SA avanzados: por exemplo, realidade aumentada, xogos en streaming, videoconferencias inmersivas, servizos IoT masivos ou conectividade crítica para a industria 4.0 que requiran dunha alta capacidade e velocidade de rede.
- Experiencias personalizadas e servizos a medida: grazas ao slicing e multislicing, as empresas disporán de “slices” (particións) de rede dedicadas con calidade garantida para uso corporativo ou transmisión de vídeo en tempo real no mesmo dispositivo; e os/as clientes/as residenciais gozarán de aplicacións máis fluidas, rápidas e seguras.
- Un ecosistema de innovación aberto: empresas e desenvolvedores poderán acceder a funcións avanzadas da rede 5G, aproveitando as súas características para crear as súas propias aplicacións e servizos.
- Casos de uso IA baseados en intelixencia de rede. A alianza inclúe catro solucións líderes de Ericsson que axudarán a MasOrange a modernizar a súa rede e mellorar a experiencia de cliente en diferentes ámbitos.
Desde o grupo destacan que Ericsson ademais se encargará de dar soporte cun equipo de expertos que coñece a rede de MasOrange, “garantindo unha resolución áxil e precisa de calquera incidencia do Core 5G SA, cuxas aplicacións reducen, na súa maioría, o consumo enerxético e o impacto ambiental, reforzando o compromiso de MasOrange coa eficiencia, a sustentabilidade e a innovación”.