Galicia vai chegar tarde a decembro, e non por falta de diñeiro

Temos lei, centros tecnolóxicos e convocatorias con cartos enriba da mesa. O que non temos é unha conversa seria sobre o que xa é esixible desde agosto —e sobre o que deixa de ter prórroga en decembro.

taller metalurgico

En Galicia fixemos boa parte da parte fácil. Temos seis centros tecnolóxicos de referencia agrupados en ATIGA, con preto de 1.900 empresas cliente e arredor do 85 % delas industriais. Temos unha lei autonómica de impulso da intelixencia artificial desde abril de 2025. E temos convocatorias con cartos enriba da mesa: IA360 mobilizará 10 millóns de euros entre 2026 e 2027.

O que non temos é unha conversa suficientemente seria sobre que pasa o 2 de decembro.

Non é unha data calquera. Ese día remata o período transitorio do marcado lexible por máquina do artigo 50.2, e só para os sistemas de IA xerativa que o seu provedor puxese no mercado antes do 2 de agosto de 2026. Convén precisar dúas cousas, porque adoitan confundirse. A primeira: o artigo 50.2 diríxese aos provedores dos sistemas, non á empresa que os utiliza. A segunda: a prórroga mídese pola posta no mercado polo provedor, non pola data na que un cliente incorporou a ferramenta. A quen usa IA alcánzanas outras obrigas do mesmo artigo, e ningunha delas se atrasou.

E Europa acaba de poñer máis pezas enriba da mesa: as Directrices da Comisión aprobadas o 20 de xullo de 2026 e o Código de boas prácticas sobre transparencia do contido xerado con IA, un instrumento voluntario que vai camiño de converterse no patrón co que se medirá o cumprimento.

Pero centrar a conversa en decembro ten un risco: fai pensar que ata entón non hai nada que facer. E non é así.

O que xa é esixible, e leva tempo selo

Convén dicilo con claridade, porque repítese pouco: a obriga de alfabetización en intelixencia artificial do artigo 4 rexe desde o 2 de febreiro de 2025. Máis de ano e medio, e non distingue por tamaño de empresa. O Ómnibus reformulouna en xullo: xa non esixe garantir un nivel concreto en cada persoa, senón adoptar medidas que apoien a súa promoción. É unha flexibilización na forma de cumprir, non unha supresión do deber. E lela como permiso para non formar sería entender a simplificación ao revés.

E desde o 2 de agosto de 2026 —fai xa semanas— son plenamente esixibles as obrigas de transparencia do artigo 50: quen interactúa cun sistema de IA debe sabelo, e o propio Regulamento precisa que esa información se facilite de forma clara e distinguible a máis tardar no momento da primeira interacción. Ese mesmo día pasou a aplicarse o groso do Regulamento. En España, a autoridade de supervisión é a AESIA.

Decembro non é o principio das obrigas. É o final dunha prórroga

As prácticas prohibidas do artigo 5 levan aplicándose desde febreiro de 2025, co tramo sancionador máis alto do Regulamento, e o Ómnibus engadiu dúas novas que serán aplicables desde o 2 de decembro de 2026. O que si atrasou a decembro de 2027 foi o paquete de sistemas de alto risco do Anexo III, non a transparencia nin a alfabetización.

Nas conversas que manteño cada semana con empresas galegas, con todo, todo isto aparece demasiado pouco. Aparece o prezo da ferramenta, aparece a subvención, aparece se convén esperar. A pregunta sobre como se vai gobernar a IA aparece moito menos.

O detalle que ninguén debería pasar por alto

Hai unha frase nas bases de IA360 que resume ben a paradoxa.

Entre a normativa aplicable, a convocatoria cita expresamente o Regulamento Europeo de Intelixencia Artificial e a Lei 2/2025 de Galicia. É dicir: a axuda pública para implantar IA lembra, no seu propio articulado, que o que implantes terá que cumprir.

E unhas liñas máis abaixo, esas mesmas bases exclúen do gasto subvencionable os custos derivados do cumprimento de normativa obrigatoria.

A Administración axúdache a implantar, avísache de que terás que cumprir, e non che paga o cumprimento

A lóxica é comprensible: unha subvención non debería financiar aquilo que unha empresa está obrigada a facer de todos os xeitos. Pero o efecto práctico sobre unha empresa de cincuenta traballadores que fabrica pezas en Porriño é moi sinxelo: o proxecto real pode acabar custando máis do que inicialmente calculou o promotor.

A lóxica é comprensible: unha subvención non debería financiar aquilo que unha empresa está obrigada a facer de todos os xeitos. Pero o efecto práctico sobre unha empresa de cincuenta traballadores que fabrica pezas en Porriño é moi sinxelo: o proxecto real pode acabar custando máis do que inicialmente calculou o promotor.

O que cambiou en IA360, e case ninguén está a contar

Hai outra modificación na convocatoria que cambia quen gaña e merece moita máis atención.

A edición de 2025 resolvíase en réxime de concorrencia non competitiva, por orde de chegada mentres houbera crédito. A de 2026 resólvese por puntuación sobre cen puntos, e 60 deses 100 corresponden a innovación e calidade do proxecto.

Traducido: o que antes podía conseguirse chegando cedo, agora hai que gañalo construíndo mellor o proxecto e sabendo traducilo aos criterios cos que se avalía.

E unha memoria competitiva non se empeza cando se abre unha convocatoria. Na miña experiencia profesional, unha memoria de certa complexidade pode esixir arredor de 120 horas de traballo sénior. Non porque haxa que escribir despacio, senón porque unha proposta seria obriga a entender o proxecto, cadrar o orzamento, xustificar o seu impacto e converter todo iso nunha arquitectura que poida avaliar alguén que non coñece a empresa.

Digo «pode esixir» e non «esixe» por unha razón: na nosa propia casa esa cifra xa non describe o que ocorre. Co noso sistema de xestión de subvencións con intelixencia artificial, o tempo de xestión dunha candidatura baixou un 83 % de media, e segue baixando segundo se afina a ferramenta. Era un 70 % a finais de 2025.

Contoo porque é exactamente o argumento deste artigo, aplicado a nós mesmos: a IA non substitúe o criterio de quen redacta a memoria. Devólvelle o tempo para telo. E porque unha pyme industrial que hoxe non pode permitirse esas horas quizais si poida permitírsas coa ferramenta adecuada, sempre que saiba gobernala.

Onde se caen de verdade as candidaturas

Non adoita ser na tecnoloxía. Caen en dous lugares moito máis prosaicos.

O orzamento. Partidas que non son elixibles e ninguén comprobou. IVE incluído cando a empresa ten dereito a deducilo, o que infla artificialmente o proxecto. Persoal interno imputado sen unha trazabilidade suficiente. Un avaliador que atopa inconsistencias non necesita discutir a brillantez da idea: pode recortar o orzamento elixible e, con el, a axuda.

E o modelo que non se sostén sen a subvención. É a pregunta que ningún promotor quere escoitar: cando a axuda se acabe, ¿isto segue funcionando? Se a resposta necesita outra subvención, hai un problema que ningunha memoria arranxa.

A subvención pode acelerar unha transformación. Non pode converterse no modelo de negocio desa transformación

O problema non é adoptar IA. É gobernala

Aquí está, ao meu xuízo, a conversa que Galicia debería empezar a ter.

Sabemos bastante sobre canto diñeiro se mobiliza. Sabemos cada vez máis sobre cantas empresas adoptan ferramentas de intelixencia artificial. Pero seguimos sabendo moito menos sobre cantas organizacións teñen mecanismos para gobernalas.

Unha empresa pode utilizar un copiloto, un modelo xerativo ou unha aplicación vertical e seguir sen ter un inventario de sistemas, políticas internas, trazabilidade, criterios de supervisión, control de provedores, formación ou mecanismos axeitados de avaliación.

A Lei galega 2/2025 —que ordena o uso da IA na Administración autonómica e o seu sector público— consagra principios como a auditabilidade, a trazabilidade, a explicabilidade, a transparencia, a seguridade e a avaliación continua. Son exactamente os mesmos principios que un cliente grande comeza a esixir por contrato aos seus provedores privados.

Por iso a pregunta debería cambiar. Non basta con saber cantos euros dedicamos á IA. Nin sequera cantas empresas a utilizan.

Tres decisións que si están ao alcance de Galicia

  • Que ATIGA e os seus centros tecnolóxicos avisen ás súas empresas cliente de que decembro non é unha data para descubrir o cumprimento. Non fai falta crear un novo programa: fai falta anticipación. Preto de 1.900 empresas é unha audiencia demasiado importante para que a información chegue tarde.
  • Que o Igape publique con suficiente antelación a arquitectura de avaliación de futuras convocatorias. Se a concorrencia é competitiva e a calidade do proxecto pesa 60 puntos, anticipar criterios permite que unha pyme compita polo proxecto e non só pola súa capacidade de reaccionar rápido.
  • E deixemos de medir a dixitalización unicamente polo diñeiro mobilizado. Dez millóns repartidos é un dato de xestión. O resultado é outra cousa: cantas empresas seguen utilizando o implantado dous anos despois, canto valor xeraron e que capacidade desenvolveron para gobernar esa tecnoloxía.

Ese debería ser o verdadeiro cadro de mando.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta

SUSCRÍBETE A ECONOMÍA DIGITAL

Regístrate con tu email y recibe de forma totalmente gratuita las mejores informaciones de ECONOMÍA DIGITAL antes que el resto

También en nuestro canal de Whatsapp