O PP galego denuncia o «tsunami de corrupción do Goberno» e pide eleccións anticipadas
O portavoz do PP no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos, lamenta a "actitude escapista" do Executivo de Pedro Sánchez ante os casos de corrupción e considera que "a paciencia dos españois está desbordada desde hai moitos meses".
Alberto Pazos Couñago – PPDEG
O PP galego eleva o ton contra Pedro Sánchez para pedir un adianto electoral. O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, censurou a “actitude escapista” do Goberno central ante os diferentes casos de corrupción que transcenderon nas últimas semanas e instou ao PSdeG a “escoitar á xente”.
Preguntado pola petición de militantes socialistas dun congreso extraordinario e a postura do PSOE en Galicia respecto dos últimos casos, Pazos lamentou que a resposta do partido que lidera José Ramón Gómez Besteiro fose “o silencio” e dicir que “son cousas puntuais e que non teñen nada que ver co PSOE, co Goberno e coa dirección conxunta dos dous”. Ao seu xuízo, os socialistas galegos deberían “escoitar á xente” porque, na súa opinión, “a paciencia dos españois está desbordada desde hai moitos meses”.
“Creo que calquera das situacións que coñecemos nas últimas semanas, illadamente, xustificarían a convocatoria de eleccións e, todas elas, conxuntamente, configuran un tsunami de corrupción de tal magnitude que resulta incompresible para calquera cidadán que alguén crea que pode poñerse de perfil e non asumir de maneira clara as consecuencias da actual situación”, reprochou.
Nesta liña, Pazos lamentou que o Executivo de Pedro Sánchez e os seus socios “teñan asumido” que os españois “deben sufrir” o que cualificou de “gota malaia de indecencia” porque o Goberno, engadiu, “non está disposto a dar o paso adiante que piden todos os cidadáns: unha convocatoria inmediata de eleccións para elixir entre todos como se produce a rexeneración democrática”.
“A actitude escapista do Goberno é incompresible para calquera que non estea a mirar isto co filtro do partidismo”, rematou Alberto Pazos.